Hernández aposta polas novas tecnoloxías para os servizos públicos

Hernández_Organización 2puntocero Cidade da Cultura_1

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou na Cidade da Cultura a xornada Organización 2.0. Este evento reúne en Santiago a consultores, produtores 2.0 e empresarios que implantaron este tipo de solucións, co fin de expoñer a súa visión práctica.
Agustín Hernández aproveitou a súa intervención no acto inaugural para lembrar o importante número de xornadas de traballo e reunións profesionais que en torno ás tecnoloxías da información e da comunicación que vén acollendo ultimamente a cidade. Neste sentido, amosouse convencido de que isto ten moito que ver coa «presenza nesta área de Compostela dun gran número de empresas punteiras do sector das TIC de Galicia e tamén co papel que o Concello está a asumir nos últimos tempos no impulso da innovación na cidade, cun traballo constante no que estamos a implicar tamén a outras institucións e entidades públicas e privadas».

«Somos conscientes da necesidade de implantar solucións cada vez máis innovadoras co obxecto de mellorar a transparencia, a participación pública, a eficiencia e a sustentabilidade dos servizos municipais, na liña que marcan estas xornadas para o conxunto de organizacións, tanto privadas como públicas», indicou o alcalde en referencia á estratexia de Cidade Intelixente que está desenvolvendo Santiago de Compostela.

Hernández_Organización 2puntocero Cidade da Cultura_2

Lembrou que a Administración local está comezando a aplicar esta estratexia na contratación administrativa, tanto para novos edificios ou equipamentos, como para os grandes contratos de servizos relacionados co mantemento de zonas verdes ou iluminación pública. E conforme a estes criterios, dixo, «estanse a dar pasos para a plena implantación da administración electrónica, para modernizar a iluminación pública e para seguir avanzando cara a esa cidade intelixente que implica tamén máis transparencia, máis participación e máis proximidade ao administrado».

Entre os novos servizos, Hernández tamén se referiu á recente implantación de xeito experimental dunha aplicación para atopar prazas de aparcamento a través do teléfono móbil ou doutra para ofrecer, a través do teléfono e en tempo real, información sobre o transporte público de viaxeiros, as liñas, horarios ou tempos de chegada. «E seguiremos con outra aplicación de gran proxección na xestión municipal, a través da que os cidadáns poderán trasladar ao Concello, tamén en tempo real, cuestións relacionadas cos servizos públicos, como cortes de subministro de auga ou luz, deficiencias viarias, accidentes ou outro tipo de incidencias», engadiu.

O alcalde enmarcou estas todas estas iniciativas, que mellorarán a prestación dos servizos municipais, na folla de ruta marcada polo programa Smart iAGO para construír unha cidade intelixente. «Para afrontar este tipo de melloras e para continuar ofrecendo eficacia e eficiencia fanse moi necesarias xornadas como estas, que sinalan o camiño para aproveitar os recursos e as posibilidades que ofrecen os contornos dixitais e as tecnoloxías colaborativas, que aforran custos e maximizan os resultados», concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar