O Consorcio de Santiago rehabilitará elementos de madeira e reixas no casco histórico

Santiago_Concello_restauración de reixas casco vello

O Consorcio de Santiago celebrou a Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados na orde do día destaca a aprobación das bases da convocatoria dunha liña de axudas para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago.

O Consorcio destinará un total de 150.000 euros para estas axudas, o que representa un incremento do 87,5% con respecto ao investimento da convocatoria anterior. A finalidade é mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

Estas subvencións están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

REQUISITOS

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas propietarias, arrendatarias ou aquelas que ostenten algún dereito de uso sobre os inmobles; e as comunidades de propietarios. Os inmobles deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e ser estancos fronte á chuvia, ademais de ter unha antigüidade superior aos 20 anos.

Primarase a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Tamén se valorará o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se actúe. E, por último, darase preferencia aos inmobles destinados a vivenda, a uso comercial, sociocultural ou asistencial; e con ocupación ou actividade permanente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar