Miranda asina un convenio para a asistencia de maiores galegos en Río de Xaneiro

Miranda_convenio Rio de Xaneiro para maiores

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu aos actos do 75 aniversario da Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, presidida pola galega Regina Jallas, e que é un dos referentes fundamentais na atención sociosanitaria e asistencia integral ás persoas de idade avanzada en Río de Xaneiro e a súa contorna.

Durante a visita ás novas obras realizadas nas instalacións, consistentes na rehabilitación da zona de servizos da residencia, e sufragadas en parte coa axuda de Emigración, o secretario xeral asinou un convenio de colaboración coa entidade para contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos.
Miranda_Rio de Xaneiro_centro de galegos maiores
O acordo, dotado con vinte mil euros, ten por obxecto establecer o marco da colaboración entre as entidades asinantes co fin de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos. En virtude do acordo, ‘Recreio dos Anciãos’ comprométese a proporcionar prestacións de atención residencial aos cidadáns galegos ingresados, realizar actuacións en prevención sociosanitaria, e tamén a proporcionarlles medicamentos e outro material xeriátrico en caso de necesidade.

Os destinatarios serán persoas de orixe galega, ou os seus descendentes ata o primeiro grao, con nacionalidade española e residentes en Río de Xaneiro (Brasil) e que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia, residan nas instalacións do ‘Recreio’, que se compromete a dotar a residencia do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento, prestar os servizos obxecto do convenio, e informar periodicamente á Secretaría Xeral da Emigración sobre os resultados sociais desta iniciativa, así como a destinar aos mesmos fins previstos aquelas obras ou subministracións amparadas polo acordo, por un período non inferior a cinco anos.

O ‘Recreio’
A Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, fundada en 1940, institución sen parangón en todo o Estado de Río de Xaneiro, acolle anciáns temporal ou permanentemente de forma gratuíta, dando prioridade aos galegos e españois necesitados e anciáns. Levan a cabo unha asistencia integral aos acollidos que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etc., mellorando así o aspecto social, emocional e psicolóxico do beneficiario.

No ano 2004 concedéuselle a título póstumo a Medalla de Galicia na categoría de bronce a quen fora o seu presidente, Manuel Taboada Quintás, por ser o impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas en Brasil. Con sede social en propiedade, o ‘Recreio’ conta con 250 habitacións, teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparexemento.

A colaboración entre a Xunta de Galicia e o ‘Recreio’ é xa tradicional e mantívose ao longo dos anos e dos sucesivos gobernos, por canto resulta un referente fundamental na atención básica aos galegos de avanzada idade en situación precaria e residentes en Río e a súa contorna.

Niterói
Os galegos residentes no ‘Recreio’ son a terceira colectividade galega coa que Miranda ten contactado nesta viaxe, tras coñecer a socias e socios da Casa de España, e tamén do Consello de Residentes de España, entidades ambas cun importante número de galegos. O secretario xeral da Emigración tamén mantivo encontros co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Pablo Figueroa, e coa nova cónsul xeral en Río, Celsa Nuño.

Na xornada de mañá, Miranda visita o Centro Español de Niterói, que celebra o seu 51 aniversario, no que se lle entregará o título de socio honorario. Trátase dunha localidade cunha ampla presenza de galegas e galegos.

Xa o luns, ademais de reunirse con empresarios galegos asentados en Río de Xaneiro do sector turístico, cun moi importante peso específico no país, Miranda presidirá a sinatura dun protocolo de colaboración para a promoción de Galicia, na principal cidade brasileira, entre a asociación que os agrupa, o Clúster Turismo de Galicia, e a Xunta. O obxectivo do acordo é profundar na capacidade de expansión de Galicia no país carioca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar