Feijóo visita as novas instalacións da Administración de Xustiza en Vigo

Feijóo_Cadenas_novas instalacións Administración Xustiza Vigo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou ao compromiso institucional para que Vigo e o conxunto de Galicia poidan dispoñer dunha Administración de Xustiza adaptada aos novos tempos.

Durante unha visita ás novas instalacións do Edificio de Servizos Comúns de Notificacións e Embargos, Feijóo aseverou que con este nova obra engádese unha peza máis ao mapa das infraestruturas xudiciais en Galicia, cara a unha Administración de Xustiza máis eficiente. “Porque Vigo –afirmou- aspira a contar cunha verdadeira Cidade da Xustiza; e, nese obxectivo, este novo edificio vén solucionar os problemas de espazo que rexistraban ata o de agora as dúas sedes xudiciais da cidade”.

<iframe width=»500″ height=»330″ src=»https://www.youtube.com/embed/6edLqE0PL8A?feature=player_detailpage» frameborder=»0″ allowfullscreen></iframe>

No tocante á nova sede do Servizo de Notificacións e Embargos de Vigo, o responsable autonómico afirmou que, cun investimento de case 1,5 millóns de euros, abrangue unha superficie construída de case 700 metros cadrados distribuídos en tres plantas; será o centro de traballo de 22 funcionarios e dará servizo ao partido xudicial de Vigo, que abrangue os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona e Gondomar, e atende máis de 340.000 habitantes.

Feijóo subliñou que, ao longo deste anos, a Xunta leva disposto as maiores partidas orzamentarias para mellorar a planta xudicial galega e para incrementar os recursos humanos na Administración de Xustiza. E, como proba disto, lembrou que os orzamentos do Goberno galego destinan este ano 120 millóns de euros, un 6% máis con respecto a 2014, para cumprir este obxectivo.

Así mesmo, referiuse ao Plan de infraestruturas xudiciais, que conta cun orzamento superior aos 97 millóns; “un plan que nace e que precisa da colaboración entre administracións, porque son os concellos os que ceden os terreos e a Xunta a que executa as obras”, explicou, ao que engadiu que así se está a facer na Coruña, rehabilitando a Fábrica de Tabacos; en Santiago, onde xa hai un novo edificio xudicial; en Ferrol, onde tamén se ampliaron as instalacións; e en Ourense que, desde hai poucas semanas, conta cun novo edificio xudicial.

 

 

MÁIS ACCESIBLE E CON MAIORES RECURSOS

Diante destes datos, Feijóo aseverou que nestes últimos cinco anos a Xunta leva investido máis en obras xudiciais que nos trece anos transcorridos entre 1996 e 2009, desde que se lle transfiren á Comunidade as competencias de Xustiza.

Ademais de construír novas infraestruturas, o titular da Xunta resaltou tamén o impulso de mecanismos como a mediación xudicial, tanto no ámbito da familia como no civil e mercantil. E, no tocante ao primeiro caso, sinalou que xa está en funcionamento no partido xudicial de Vigo desde o ano 2013, en colaboración coa Universidade de Vigo.

Outra das medidas que a Xunta está a desenvolver é o fomento da asistencia xurídica gratuíta, dotándoa do financiamento necesario e de medios telemáticos que axilicen os procesos. E, tamén está a ser determinante o traballo de organización que se leva acometido nos arquivos xudiciais a través de tarefas de expurgo ou mediante o proxecto de implantación do arquivo dixital, en colaboración coa Amtega.

Sobre este aspecto, Feijóo precisou que ata o de agora lévanse retirado dos xulgados de Vigo máis de 9.000 expedientes xudiciais para iniciar o seu proceso de expurgo. E que en toda a Comunidade foron gravados preto de 240.000 expedientes de 120 órganos xudiciais, coa previsión de conseguir un 75% máis de espazo nas dependentes dos xulgados galegos.

Nesta mesma liña, lembrou a posta en marcha hai xa cinco anos do Plan Senda, cun investimento superior aos 30 millóns, para coordinar a implantación das TIC na planta xudicial de Galicia. “Con el conseguimos ata agora avances como: a renovación do equipamento informático na Administración xudicial; a incorporación da videoconferencia en 60 salas; a utilización do sistema de gravación de vistas con sinatura dixital, que nun mes estará operativo en 94 salas; a presentación telemática de escritos a través do programa LEXNET; a posta en marcha do portal da Xustiza, e dunha axenda web de sinalamento de vistas; a entrada en funcionamento do portasinaturas dixital; a dixitalización do traballo dos forenses do Imelga; ou a acreditación dixital dos profesionais da Xustiza”.

Todos estes progresos completaranse coa implantación do expediente xudicial electrónico ou a posta en marcha da sede electrónica dixital; que son os obxectivos do Plan Senda 2014-2020.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar