En defensa dos espazos termaís

image
A Deputación de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impulsan un proxecto internacional de protección dos espazos fluviais ligados á actividade termal, para o que se estima un investimento de 2,5 millóns de euros, que abranguerá os concellos ourensáns e portugueses polos que pasan os ríos Miño e Limia. Segundo informou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trala reunión do Consello Termal Ourensán, celebrada no Balneario de Baños de Molgas, «este importante proxecto internacional que une termalismo e medio ambiente é unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que ten como obxectivo a protección medioambiental do patrimonio natural vinculado aos recursos termais de Ourense e dos territorios portugueses fronteirizos coa nosa provincia, polos que discorren os ríos Miño e Limia».

Baltar explicou que con este ambicioso proxecto «preténdese contribuír a seguir poñendo en valor a riqueza termal e natural da contorna transfronteiriza de Ourense e Norte de Portugal, para incrementar o turismo internacional de calidade nos ámbitos do ocio, a saúde e o patrimonio natural».

A reunión do Consello Termal Ourensán, órgano que vela polo cumprimento do Plan «Ourense, a provincia termal», celebrouse baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contou coa participación do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o alcalde de Baños de Molgas, Eladio Mangana; o presidente da da CHMS, Francisco Marín, e representantes da Xunta de Galicia, dos municipios con vilas termais, así como do Campus de Ourense, da Asociación de Balnearios, da Confederación de Empresarios de Ourense e da Cámara de Comercio de Ourense, do Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.

Manuel Baltar comentou que esta segunda xuntanza do Consello Termal Ourensán contou coa participación de todos os seus membros «nun compromiso que singulariza a Ourense como a provincia termal, froito do traballo que comezamos a facer hai tempo na Deputación coa elaboración, sinatura e execución do Plan Termal, xuntamente coa Xunta de Galicia, e iso unido a todo os pasos que temos dado dende entón fan do termalismo un eixo estratéxico de desenvolvemento».

O presidente do goberno provincial subliñou que a «marca Ourense» «é un concepto que se está a distinguir, entre outras liñas de actuación, por unha aposta clara e decidida polo termalismo, que nos sitúa en ámbitos internacionais e que enlaza xa a Ourense con 40 provincias de España a través do programa de «Termalismo Saudable», coa posibilidade de obteñer on line e en menos de 5 minutos a confirmación da reserva de praza. Baltar explicou que na reunión de hoxe deuse conta da posta en marcha días pasados do novo Balneario de Cortegada e informouse da reapertura nos vindeiros meses do Balneario de Partovia, no Carballiño, «co cal, ao remate de 2015, serán sete os establecementos termais da provincia de Ourense que ofrecerán unha ampla oferta de ocio, saúde e cultura todo elo enmarcado no ámbito do termalismo baseado na modernidade, na innovación e nunha oferta termal que fan de Ourense un indiscutible referente termal».

Manuel Baltar anunciou que no vindeiro mes de abril se constituirán as cinco mesas de traballo do Consello Termal Ourensán que responden ás cinco liñas estratéxicas do Plan «Ourense, a provincia termal» e que son: Planificación termal, Infraestruturas termais, Produtos termais, Coñecemento termal e Promoción termal. «É unha andaina que todos temos que percorrer xuntos e que se verá potenciada coa chegada do AVE en 2018 marcando un ante e un despois nesta realidade provincia».

Precisamente, a iniciativa medioambiental nos ríos Miño e Limia que a Deputación de Ourense e a CHMS presentarán como candidatura para proxecto europeo «é un paso máis en favor das vilas termais da provincia de Ourense e do Norte de Portugal –afirmou Baltar-, onde temos que aproveitar o noso mar interior, que está debaixo da terra e que fai que a nosa provincia sexa o territorio de Europa onde hai máis surxencias termais e onde temos a auga máis quente (77 graos), que mana precisamente en Río Caldo (Lobios), onde se asinará este protocolo de colaboración entre Deputación de Ourense e CHMS o vindeiro luns, 30 de marzo».

O proxecto conta coa participación tamén dos concellos de Cortegada, Lobios, Bande e Muíños, por parte ourensá, e tamén se pretende involucrar ás cámaras municipais de Melgaço e Terras do Bouro. No marco desta iniciativa preténdese desenvolver actuacións como a protección e conservación de espazos naturais fluviais fronteirizos do Miño e do Limia; a mellora da calidade das súas augas; a creación dunha rede que fomente a vertebración dos recursos termais transfronteirizos raianos de Ourense e do Norte de Portugal cara á súa valorización turística, e a promoción de itinerarios e produtos turísticos baseados nos recursos termais e naturais do espazo transfronteirizo do Miño e do Limia.

Tecnoloxía ao servizo do termalismo

O presidente provincial avanzou tamén o que será en cuestión de meses a implantación dun proxecto tecnolóxico innovador -a través dunha patente internacional da que o propio presidente tivo coñecemento-, que consiste en aplicar a información personalizada ao ámbito de termalismo, ofrecéndolle aos visitantes a posibilidade de que cando cheguen aos establecementos balnearios da nosa provincial «poidan ter á súa disposición na habitación unha tableta na que poderán consultar toda a información turística da contorna na que se atopen e tamén interactuar, utilizando o propio idioma do visitante, para facer chegar á Recepción do balneario as suxestións que estimen oportunas».

Segundo Baltar, «trátase de facilitarlle ao máximo a estancia ao visitante, non só a aqueles que se acollen ao programa de Termalismo Saúdable senón tamén a calquera visitante e mesmo aos deportistas internacionais que están a escoller a provincia de Ourense para realizar os seus adestramentos deportivos, como acontece cos equipos nacionais de remo de Holanda e Bielorrusia e proximamente o de Australia». «A todos temos que darlle ese plus de «Provincia intelixente» para que todos os nosos visitantes coñezan que Ourense é unha provincia de vangarda, non só no termalismo senón tamén, como acontecerá a próxima semana, no ámbito das industrias culturais e creativas sendo sede nacional da creación audiovisual».

O Consello Termal Ourensán, presidido por Manuel Baltar, conta como asesor técnico con Mario Crecente, redactor do Plan Termal; co Inorde, que xoga un papel fundamental no desenvolvemento e execución do Plan Termal, e co secretario que é José Juan Cerdeira, director da Área de Benestar da Deputación de Ourense. A estratexia comunitaria 2020 da Deputación de Ourense, que Manuel Baltar defendeu recentemente no Comité das Rexións, en Bruxelas, inclúe precisamente o Plan Termal, xunto coa Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, a Competitividad e a Administración Electrónica, iniciativas todas elas nas que a Deputación está a traballar para executar estes proxectos a prol de seguir impulsando o desenvolvemento da provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar