Detidos en Vigo catro romaneses que obrigaban aos traseúntes a darlles tabaco

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron catro mozos romaneses, dous deles menores de idade, por senllos delitos de lesións e extorsión contra catro persoas coas que se cruzaron polas rúas da cidade e aos que agrediron ao non lles dar tabaco.

   Tal e como informou a Policía Local, os feitos aconteceron pouco antes das 2,00 horas da madrugada deste luns, cando a Central de Información e Mando recibiu un aviso para que unha patrulla se desprazase ata a rúa García Barbón, onde se producira unha agresión.

Unha vez no lugar, un veciño da cidade de 21 anos manifestou que momentos antes, cando transitaba pola beirarrúa, sete mozos se lle achegaron e lle pediron tabaco e como lles dixo que non comezaron a darlle puñazos. Ademais, tras caer ao chan continuaron propinándolle patadas.

O mozo, que declinou recibir asistencia sanitaria indicando que iría polos seus propios medios, facilitou aos axentes as características físicas e de vestimenta dalgúns dos novos agresores.

Pouco despois, sobre as 2,40 horas, outra dotación policial foi requirida na Praza de Compostela, onde outro vigués de 34 anos indicou que fora abordado por catro mozos que lle solicitaron un cigarro e, ao non lleso dar, un deles lle propinou unha patada na entreperna.

Ás 3,35 horas, outra unidade desprazouse ata a rúa Camelias, onde un pai de 51 anos e o seu fillo de 21, ambos os dous de Vigo, comunicaron que catro individuos lles propinaron puñazos e, tras subtraerlles unha mochila, fuxiron. Todos eles facilitaron as características dos agresores, que coincidían coas anteriormente facilitadas.

DETENCIÓN

Ao coñecer estes feitos as dotacións policiais rastrexaron a zona, o que lles permitiu localizar no cruzamento da rúa Romil coa rúa Ourense a catro mozos que encaixaban coas descricións das vítimas. Un dos homes, ao decatarse da presenza policial tratou de fuxir correndo pero foi alcanzado por un axente.

Así mesmo, na zona acharon a mochila. O pai e o seu fillo, que pola gravidade das súas lesións foron trasladados ao Hospital Meixoeiro, recoñeceron a mochila como súa e identificaron os catro mozos como os autores das agresións.

Por todo iso, a Policía Local procedeu a deter por delitos de lesións e extorsión aos catro mozos, L.M., de 21 anos; P.N. de 19 anos; e a outros dous mozos menores de idade, todos eles naturais de Romanía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar