Unha marea non é unha onda

Quixeron subirse a unhas vagas cidadáns que acabalgarían pola costa das eleccións municipais para esfachar os cantís e inundar as praias do poder establecido… Pero quedáronse en mareas: mareas crebadas, mareas devaladas, mareas vivas…. Que máis dá! As mareas teñen fluxo e refluxo, sempre dentro das canles do sistema: astros e tempos. Xosé Manuel Beiras, que se equivocou ao conducir a unha parte do nacionalismo cara a unha «ruptura democrática estatal» que ninguén albisca xa (non hai máis que ver como a conflitividade social caeu case a mínimos históricos no último ano), preguntábase hai uns días, coma se non fose con el, se as candidaturas cidadáns «son de verdade xente que quere entrar en política ou siglas antigas que procuran un disfrace co que comparecer nas eleccións».

Logo de celebrarse as primarias na maioría destas candidaturas, supoño que xa terá unha resposta ben doada. Coas salvidades inherentes a cada caso, pode dicirse que a maioría das candidaturas das denominadas «mareas» están formadas por vellos militantes de organizacións preexistentes que levan ás súas costas varias rupturas de procesos unitarios ou de organizacións políticas.

Se analizamos detidamente estas candidaturas podemos observar como teñen un grande paralelismo con AGE, o exitoso instrumento compangado para as últimas eleccións autonómicas. Pero xa non estamos no mesmo tempo político. En dous anos, AGE esfarelouse por dentro e perdeu grande parte daquel poder de atracción da novidade para os de fóra. Non teño eu unha bola de cristal para adiantar os resultados electorais. Ademais, en dous meses, aínda poden pasar moitas cousas. O que si, analizando o proceso de constitución das candidaturas e coñecendo á grande maioría dos seus principais integrantes, me atrevo a dicir que aínda que o éxito fose moito, a súa capacidade de rachar co establecido vai ser nulo.

Nulo porque a súa principal mensaxe, «queremos gañar» ou «imos derrotar ao PP», pode ser asumida por un amplo abano da poboación, desencantada ou cansa, pero non unifica para nada a política nos consistorios nin se fixa unha dialéctica global de cambio que subverta os conceptos preexistentes. Pero, sobre todo, tendo en conta outras experiencias anteriores, entre elas AGE, a heteroxeneidade dos seus compoñentes, que obedecen máis a estruturas partidarias que ao empuxe popular, os cambios políticos que se aveciñan e a falta dunha organización asentada, a súa política vai depender máis da lúa e da costa que das necesidades do consistorio.

Uns e outros vogarán procurando o seu porto porque necesitarán dunha organización. E volverá a xirar a roda e a marea a subir e baixar.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar