Silleda amosa a oferta turística do Camiño de Santiago en Turexpo 2015

Expo Turistica_turístico Pontevedra_mapa_esquema Camiño de Santiago_gráfico

O salón de turismo Turexpo Galicia 2015, que comezou onte na Feira Internacional de Galicia, contará na súa área expositiva cunha gran recreación do Camiño Francés e a Vía da Prata, realizada a través da presenza da maioría dos concellos situados nestas dúas rutas e tamén de recreacións de distintos atractivos presentes ao longo delas.

Así, 36 concellos están presentes neste Camiño de Santiago, que se situarán nunha zona correspondente a súa ubicación real nestas rutas xacobeas para promocionar as súas propostas turísticas. Os 10 concellos situados no Camiño que non están presentes contarán igualmente cun indicativo da súa localización nesta ruta xacobea.

Así mesmo, ao longo deste Camiño Francés e esta Vía da Prata os visitantes poderán ver siluetas que reproducen distintos atractivos localizados nestas dúas rutas, como unha palloza do Cebreiro, a Capela do Ciprés de Samos, o Monumento á Queixeira de Arzúa, a Ponte Romana de Ourense, o Monumento a Loriga de Lalín, o Monte do Gozo ou a Catedral de Santiago, entre outros.

Por outra banda, este Camiño de Santiago acollerá na súa Praza do Obradoiro moitas das máis de 40 actividades que conformarán o programa dirixido ao público xeral, ao cal está orientado o certame a partir da tarde do sábado. Deste xeito albergará exhibicións, representacións, talleres, música, danza ou degustacións, tanto de distintos concellos participantes como das festas presentes, ademais doutras propostas con gran atractivo levadas a cabo por expositores de Galicia e Portugal.

GUÍAS PARA O CAMIÑO

Para percorrer esta ruta xacobea, que terá unhas dimensións de 5.500m² de extensión e conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, a feira dispón de varios guías que acompañarán durante a fin de semana, cando se espera unha maior afluencia de público, e en distintos horarios a grupos de asistentes ao salón que así o desexen, aos cales irán informando de distintos aspectos.

Ademais, este Camiño de Santiago contará cun xogo destinado a que os nenos coñezan mellor esta ruta de peregrinación e os lugares que atravesa. Coa axuda dun dado e convertendo o Camiño nun gran taboleiro irán percorréndoo ata chegar á Praza do Obradoiro, avanzando coas súas respostas sobre os distintos concellos nos que deban deterse en función dos números que indique o dado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar