Os socialistas acusan á Xunta de «afogar» concellos coas escolas infantís

image

A voceira de Política Social do PSdeG no Parlamento de Galicia, Carmen Gallego, acusou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, de «afogar os concellos» a través dos novos convenios para a xestión de centros e escolas infantís.

Nun comunicado, a deputada socialista advertiu que o departamento autonómico lle esixe aos municipios «pagar máis» polos mesmos servizos e obrigalos a facer fronte a unhas prestacións ao tempo que lles retira competencias.

«A Consellería está preparando a extinción do Consorcio Galego de Benestar e a transferencia á nova Axencia Galega de Servicios Sociais dos centros que viña xestionando o Consorcio, escolas infantís, centros de día e residencias», advertiu.

Neste sentido, denunciou que a Xunta «reduce ao anecdótico a presenza dos concellos na nova axencia, cun máximo de cinco representantes que non se sabe como se escollerán nin se respectarán a pluralidade democrática».

Ao respecto, explicou que estes días a Consellería está a trasladar un novo convenio para que o asinen os municipios que previamente tiñan concerto co consorcio para manter a xestión de escolas e centros.

«CUADRIPLICA O DIÑEIRO QUE TEÑEN QUE ACHEGAR»

Nestes convenios, explicou, o Goberno galego «unilateralmente, sen consulta previa e sen incrementar os servizos prestados, duplica, triplica ou mesmo cuadriplica o diñeiro que teñen que achegar os concellos», denunciou.

Por iso, a parlamentaria socialista avanzou que o PSdeG «tratará con todas as súas forzas» de que estes acordos «non se poñan en marcha» e esixirá unha «maior presenza» nos órganos da Axencia Galega de Servicios Sociais.

«Resulta inconcibible o atraco aos gobernos locais perpetrado polo goberno de Feijóo e, concretamente pola conselleira Mato, ao afogar aos concellos con estes novos convenios só polo feito de desaparecer o Consorcio e a creación da nova Axencia», apuntó.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar