Os fogares sen as antenas adaptadas deixarán de recibir a TVG o día 31

image

Os expertos advirten da posibilidade de que algúns fogares queden sen sinal da TVG o próximo 31 de marzo co apagado das frecuencias antigas e data de remate en España do proceso de liberación de frecuencias radioeléctricas no chamado dividendo dixital. Desde ese momento, as vellas frecuencias das canles que actualmente emiten en simulcast (no sinal antigo e novo ao mesmo tempo) desaparecerán definitivamente, polo que só poderán seguir véndoas quen teña as súas antenas adaptadas.

Este proceso afecta as emisións de TVG e tvG2 na zona norte da provincia da Coruña e en zonas da provincia de Ourense. Nestes territorios, se non queren perder as canles da Galega, os usuarios que reciben o sinal a través dunha instalación colectiva con amplificadores monocanle ou centrais programables, deberán contactar canto antes cun instalador autorizado, se non o fixeron xa, para que adapte as devanditas antenas. Unha vez realizada a nova antenización poderase resintonizar de novo o televisor. O instalador pode ademais axudar a xestionar a subvención do Ministerio para este cambio.

Tamén, nestas zonas sinaladas, os usuarios que teñen antenas ou sistemas de conexión individuais ao perder estas canles despois do 31 de marzo, só deberán resintonizar o televisor co mando do aparello.

Nalgunhas zonas da provincia de Ourense e do sur de Lugo o simulcast xa se apagou o pasado día 8 de febreiro, debido a necesidades de coordinación do dividendo dixital co proceso similar que está a suceder en Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar