Salvador García Bodaño, Fillo Adoptivo de Compostela

Salvador García Bodaño_Fillo adoptivo cidade Santiago_Feijóo_Hernández

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidieron o acto de entrega do titulo de Fillo Adoptivo da cidade e Medalla de Ouro do Concello de Santiago a Salvador García-Bodaño. Esta distinción ao escritor fora acordada por unanimidade da Corporación municipal nun Pleno celebrado o pasado mes de decembro, «en recoñecemento á súa relevancia e pola súa implicación na vida cultural de Compostela e de Galicia».

Feijóo salientou a traxectoria do escritor galego e lembrou que forma parte dunha xeración que entendeu que o galeguismo non era único, pero que podía ter territorios compartidos.

Nesta liña, o presidente aseverou que onde non existen eses territorios compartidos non é posible a existencia dun país, “e nós o somos”, aseverou, logo de incidir en que “non existiron nin existen en Galicia fendas insuperables, diferenzas insalvables ou discrepancias que non poidan atopar un punto de encontro”.

“A nosa sociedade é plural, pero está provista de numerosas pontes polas que circulan libremente as ideas”, abondou.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou que todos os galegos estamos ligados á obriga de que o noso país e a súa cultura estean presentes no futuro. E, para acadar ese obxectivo ineludible avogou por actualizar “o que esa xeración de García-Bodaño soñaba polas rúas de Compostela”.

O presidente da Xunta concluíu referíndose á súa obra prolífica e á súa actividade; e preguntándose se hai algunha iniciativa cultural, museo, fundación, seminario, ateneo, club ou asociación onde non estea presente “o xenio inesgotable” de García-Bodaño.

 

HERNÁNDEZ

«Poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta, tradutor, xornalista, procurador dos Tribunais… A súa actividade vital é desbordante, tanto polos moitos e variados oficios, como pola súa intervención na creación, dirección ou participación nas principais asociacións e entidades profesionais e culturais da cidade», lembrou o alcalde. A este respecto, indicou que «non é doado atopar a ninguén que se teña implicado en tantas e tan intensas iniciativas ao longo dunha vida, que segue a ser –e que o sexa por moitos anos- plenamente activa e fecunda».

Logo de repasar algúns dos seus premios, Hernández referiuse a unha vida e a unha obra que «teñen a Compostela como eixe da súa existencia», xa que «aquí chegou con poucos meses de vida dende o barrio vigués de Teis, para irse convertendo co paso dos anos nun referente da vida cultural e social da cidade».

De García-Bodaño, o alcalde destacou a súa «calidade humana», unicamente comparable ao «seu irrenunciable compromiso cívico con Galicia e con Compostela, un compromiso mantido dende un talante aberto, conciliador e persuasivo, lonxe de dogmas e de proclamas partidista, na liña dos grandes mestres do galeguismo, dos bos e xenerosos, entre os que figura con todo merecemento».

 

COMPOSTELA E A SUA OBRA

Volvendo á vinculación da súa obra con Compostela, lembrou que mesmo lle dedicou á cidade integramente un dos seus libros, Tempo en Compostela, merecente do Premio da Crítica Española en 1979 e que é «un gran poema de amor a esta cidade adoptiva», como o propio escritor ten dito.

«Sen Compostela non se podería entender a súa obra literaria, e sen a súa obra literaria Compostela perdería unha das voces que mellor expresan a esencia e a intimidade do seu ser», afirmou Agustín Hernández, pois «a través da súa poesía, moitos descubrimos novas sensacións e transitamos da súa man por esa ‘longa rúa na memoria onde vagan os nomes e as horas que cada quen recorda’, como eu mesmo lembrei nas miñas primeiras palabras como alcalde».

«Polo seu amor á cidade, pola súa obra -que é fiel reflexo dese sentimento- e pola achega que supón para engrandecer e entender o significado e a dimensión desta Compostela universal. Pola súa voz, antiga e nova a un tempo, que lle dá á súa poesía un valor parello ao da cidade, o Concello de Santiago cumpre coa xustiza e coa razón, outorgándolle a Salvador García-Bodaño as súas máximas distincións de Fillo Adoptivo e de Medalla de Ouro», indicou.

O alcalde mostrou a súa «grande emoción» por recoñecer, en nome do pobo de Santiago, «a achega e o valor dunha vida dedicada, como poucas en corpo e alma, a dignificar unha cidade, un país, a súa cultura e a súa lingua». É por iso que, ademais de felicitar a Salvador García-Bodaño polas súas distincións, tamén expresou os parabéns a Compostela por «contar cun novo fillo que foi e segue a ser un gran creador e, por riba de todo, é un gran veciño e unha gran persoa».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar