Cincoenta vivendas en aluguer social para familias en dificultades

A Xunta de Galicia xestionará, nunha primeira fase, cincuenta vivendas cedidas pola Sociedad de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (Sareb, S.A.), segundo establece o convenio de colaboración asinado entre a dita sociedade e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cunha duración de catro anos prorrogable.

Despois de que a semana pasada o Consello da Xunta autorizara este convenio, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o director xeral da entidade, Óscar García Maceira, acompañado pola directora de Patrimonio, Olga Guitián, rubricaron o convenio de cesión destes inmobles de xeito inmediato e aos que se sumarán de forma progresiva nos novas vivendas.

A sinatura deste acordo supón a posta en marcha efectiva do Plan rehaVIta, aprobado o pasado mes polo Consello da Xunta co obxectivo prioritario de facilitar o acceso á vivenda e evitar situacións de risco de exclusión social.

Durante o acto de sinatura do convenio, Ethel Vázquez salientou que unha vez que as vivendas cedidas sexan debidamente analizadas polos técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, procederase a adxudicalas a familias afectadas por execucións hipotecarias ou a aquelas que estean en situación de emerxencia social.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que esta adxudicación farase en condicións semellantes as que se empregan coas vivendas de promoción pública propiedade da Xunta, xa que será en réxime de alugueiro e cunha renda mensual que en ningún caso poderá superar o 30% dos ingresos da unidade familiar adxudicataria.

Ethel Vázquez_sinatura convenio Sareb para aluguer social 50 primeiras vivendas

Os adxudicatarios das vivendas pagarán unicamente o importe do alugueiro das mesmas e os consumos que orixinen (enerxía, auga, etc.), pero non lles corresponderá aboar os gastos de comunidades e taxas ou impostos da vivenda, que serán por conta de Sareb, así como os gastos extraordinarios de mantemento da habitabilidade e reparacións das vivendas.

Pola súa parte, o IGVS farase cargo dos gastos correspondentes á obtención do certificado de eficiencia enerxética se a vivenda non dispón del, gastos de mantemento e reparacións ordinarias e de xestión e administración dos alugueiros.

O convenio entre o IGVS e a Sareb terá unha duración de catro anos prorrogables por períodos dun ano. Unha vez que finalice o convenio, o IGVS devolverá á Sareb as vivendas baleiras ou con contratos en vigor.

Nas próximas semanas, os técnicos do IGVS comprobarán o estado das vivendas cedidas pola Sareb para determinar as actuacións necesarias previas á súa adxudicación.

PLAN REHAVITA

Este acordo coa Sareb supón materializar unha das primeiras medidas recollidas no Plan de vivenda de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta e presentado no Parlamento de Galicia pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, como unha planificación estratéxica que guiará as políticas públicas en materia de vivenda nos próximos cinco anos.

O Plan rehaVIta é o primeiro plan de vivenda que elabora integramente a Xunta de Galicia e ten como obxectivo principal de facilitar o acceso á vivenda ás persoas que máis o necesitan e previr a exclusión residencial. As medidas recollidas no plan suporán un investimento de preto de 600 millóns de euros, dos cales 307 millóns serán fondos públicos, e cunha previsión de beneficiar máis de 152.000 galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar