Cacharro non era un cacique

«Ai meu filliño, o que che ten que escoitar unha aos seus anos por non estar xorda». Así falaba a señora Concha do Chirián cando alguén abría as cancelas da boca.

Lembreime dela ao escoitarlles a dirixentes do PP e PSOE o panexírico do que foi presidente da deputación de Lugo durante 24 interminábeis anos, Francisco Cacharro. Se o esbardallo non entrase na cuestión política, un pensaría que obedecía a esa regra tan nosa de que cando un morre todo son gabanzas. Pero non, populares e socialistas puxéronse a gabar a Cacharro Pardo como figura política, resaltando a «pegada que deixou na política provincial».

Non pretendo eu contradicirlles o da «fonda pegada». Acredito na afirmación. Si, deixou unha pagada indelébel, para mal, pois a provincia de Lugo está a sufrir aínda os efectos da súa ditadura política.

Cacharro Pardo non foi o exemplo de bo político, como afirmaron, senón o político máis nefasto que tivo poder na Galiza desde 1975. E non é porque non existisen toxos arnaos no curral!

Cacharro non era un cacique como, por exemplo, Xosé Luís Baltar. Ou un populista, coma Xosé Cuíña, por citar a dous dos seus amigos políticos. Os caciques son persoas amábeis, mentres nas relacións sociais.

Cacharro Pardo era todo o contrario. Un autoritario sinuoso e taciturno, o paradigma do clientelismo imposto a medo. Amaba o poder máis ca nada e non tiña reparo en saltar as normas da democracia e as relacións máis elementais tanto dentro coma fóra do seu partido. Non asallaba vencendo, senón aniquilando aos seus inimigos, aínda que fosen circunstanciais. A súa lista de damnificados é inmensa, comezando por Antonio Rosón e rematada por Vitor V. Portomeñe.

Instaurou na provincia de Lugo unha política de vasalaxe, sacando e poñendo con malas mañas alcaldes, deputados, parlamentarios e concelleiros dentro de AP ou o PP, aínda que tivese que saltarse o decidido polos órganos do seu partido ou agardar até minutos antes de media noite para modificar as listas aprobadas. E aos concellos «inimigos»…, nin auga! Negándose mesmo a acatar sentenzas como a do Canon Eléctrico, para impedir que as corporacións tivesen unha mínima autonomía orzamentaria.

Poderíamos falar tamén da política de persoal dentro da Deputación ou das súas relacións con proxectos empresariais, tan diferentes cos que lle eran ou non eran afíns.

Se racho con esa teima ancestral de falar ben dos mortos é porque sospeito que, moitos dos actuais cargos do PP, e algúns do PSOE, se non practican a mesma política que Cacharro non é porque non queiran, senón porque non teñen a súa habelencia para facelo. Doutro xeito, terían estado calados.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar