O conselleiro de Cultura inaugura a Casa das Letras da Estrada

Conselleiro de Cultura_A eStrada_Palmou

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a Casa das Letras da Estrada, un extenso colector cultural que se dá a coñecer entre todos os veciños estradenses cunha xornada de portas abertas chea de actividades para todos os públicos.

Acompañado polo alcalde da localidade pontevedresa, José López Campos; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia percorreu algunhas das estancias dun edificio que busca espertar o interese de cativos, xente moza e adultos como centro da vida cultura estradense.

A apertura da Casa das Letras é froito da reconversión do antigo colexio José Antonio, cuxos alumnos se trasladaron ao CEIP Pérez Viondi cando se acometeu a ampliación deste último. Agora, o novo inmoble reformado conta con varias salas de lectura e estudo, de investigación, mediateca e espazos de exposición. Tamén se instalará nel a biblioteca municipal.

Co gallo de descubrir e fomentar o uso das novas dependencias dende o comezo, este espazo cultural conta cun amplo programa inaugural que se estende ata a noite deste sábado. As actividades xa comezaron pola mañá da man da escultora e escenógrafa Mirari Urruzola, que impartiu un taller plástico para confeccionar un gran mural.

Contos dirixidos a bebés, diversos espectáculos acompañados por música, diferentes obradoiros, contacontos, marionetas, xogos populares e unha actuación musical nocturna compoñen o resto do cartel, no que participarán, ademais de Urruzola, os artistas Raquel Queizás, Inacio Vilariño e Luis Iglesias. E para desfrute dos máis pequenos, “Os Bolechas” visitarán o inmoble e firmarán libros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar