20 mozos participan en Carballo no programa «Visualizando iniciativa xove»

image

Un total de 20 mozos están a participar, desde onte e ata o domingo, no programa “Visualizando Iniciativa Xove”, que se está a desenvolver no albergue xuvenil ArtSurfCamp de Carballo.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos participantes nesta iniciativa, todos eles menores de 35 anos que tiveran impulsado algún proxecto no marco do programa “Iniciativa Xove” da Consellería de Traballo e Benestar.

Segundo recordou Rodeiro, “Iniciativa Xove chega á súa sexta edición en 2015 e continúa a consolidarse como programa de referencia no eido da participación xuvenil, pioneiro a nivel nacional na súa aposta polo financiamento de iniciativas de grupos informais de mozos, ademais das tradicionais asociacións”. Trátase dunha iniciativa de educación non formal, que cede o protagonismo á mocidade, xa que “a Administración non lle indica aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para apoialas, co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil”.

Durante estes días, os asistentes contarán cun programa de actividades vinculadas ao emprendemento, a través de obradoiros e debates, co fin de crear un espazo para a reflexión e posta en común das experiencias que executaron no marco de Iniciativa Xove.

En paralelo, estase a gravar unha reportaxe de docuficción para dar promoción ás iniciativas dos asistentes, co dobre obxectivo de fomentar e contaxiar o espírito emprendedor entre a xuventude e de ser un escaparate dos proxectos realizados, “conseguindo un efecto multiplicador”. O vídeo servirá tamén de demostración das aptitudes dos mozos e mozas participantes, poñéndoas en valor para facilitar a súa empregabilidade.

As xornadas contarán tamén cunha parte lúdica, na que as persoas participantes terán a opción de iniciarse no surf, ou ben coñecer o espazo próximo al albergue, incluído na Rede Natura, a través dunha visita guiada.

Esta iniciativa foi seleccionada pola Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) dentro da convocatoria do programa MOVIC 2015. Este programa, no que poden participar as distintas comunidades autónomas, ten entre os seus obxectivo promover o uso destes albergues e, á súa vez, fomentar a mobilidade xuvenil e os intercambios culturais entre a mocidade a través da aprendizaxe mutua, o fomento do espírito emprendedor, ou a formación en valores, entre outros beneficios.

MONITOR DE TEMPO LIBRE

Posteriormente, Rodeiro desprazouse ata Ponteceso para entregar os títulos dos tres cursos de monitor de tempo libre que organizou a Fundación Eduardo Pondal durante 2014. En total, 77 mozos e mozas superaron estes cursos.

Neste sentido, o director xeral destacou que o sector do tempo libre “está en alza”, xa que nos últimos catro anos un total de 6.420 conseguiron o título oficial de director ou monitor de actividades de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia. Do total, 6.048 foron de monitor e 381 de director.

Esta titulación oficial está expedida polas escolas de tempo libre, sendo necesaria para exercer como monitor ou director de campamentos, campos de traballo, ou actividades realizadas en albergues xuvenís. No total galego están homologadas 64 escolas de tempo libre, 31 máis que en 2011.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar