Novo impulso á dixitalización da educación pública

Plan Abalar_dixitallización ensino público

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un novo impulso á educación pública, cun orzamento adicional no capítulo de investimentos aprobados nas contas de 2015 de 18,4 millóns de euros para dixitalizar todas as aulas desde 5º de primaria e actualizar equipamentos e infraestruturas educativas tanto na Formación Profesional, na Primaria e na Secundaria.

Convencido de que a forma de ensinar mudou e que cada vez con maior intensidade irá mudando en base a instrumentos dixitais, Feijóo destacou, en primeiro lugar, a aposta da Xunta pola modernización tecnolóxica do ensino público. E, nesta liña, avanzou que a meirande parte do total do investimento previsto –un total de 11,2 millóns- destinarase á dixitalización do 100% das aulas a partir de 5º e 6º de Primaria e a ESO.

 

 

Como subliñou, proporcionará a todas elas, un total de 2.727 aulas, conexión a Internet mediante wifi. “De tal xeito que con estes 11,2 millóns de euros imos a conseguir superar a fenda dixital entre zonas rurais e zonas urbanas e imos conseguir que todos os nenos e nas galegas independentemente de onde vivan reciban unha educación pública nunha aula dixital”, afirmou. Así mesmo, engadiu que imos conseguir pasar de cero estudantes en aulas dixitais no ano 2009 ao 100% dos estudantes galegos de 5º e 6º de Primaria e da ESO.

No tocante a infraestruturas, Feijóo garantiu tamén o esforzo da Xunta para actualizar equipamento e infraestruturas educativas tanto en FP como en Primaria e Secundaria.

En relación á Formación Profesional, destacou unha partida dun millón de euros para modernizar equipamentos que beneficiarán a 46 centros e a un total de 3.541 alumnos e 118 ciclos formativos. Trátase de autómatas, robots, adestradores, simuladores, en definitiva, todo aquilo que a FP require. En total subministraranse 287 unidades repartidas en 24 tipos de equipamentos distintos relacionados coa electricidade, a electrónica, a fabricación mecánica, a instalación e mantemento e o transporte e mantemento de vehículos, entre outros.

No que atinxe ás infraestruturas físicas, Feijóo destacou un investimento total de 6,1 millóns de euros en obras de ampliación de 11 centros públicos: Centro de FP de Oroso (Ribeira), Colexio de Roxos (Santiago), Colexio Manuel Murguía (A Coruña), IES Perdouro (Burela), Colexio Laverde Ruíz (Outeiro de Rei), IES O Ribeiro (Ribadavia), IES Losada Diéguez (A Estrada), Centro de FP A Xunqueira (Pontevedra), IES Armando Cotarelo (Vilagarcía) e o Centro de FP Carlos Oroza (Pontevedra).

Con estas actuacións, dáse resposta ás actuais necesidades de demografía. Non en van, benefician a 3.325 alumnos e a través delas créanse un total de 1.035 novos postos escolares.

Durante a rolda de prensa, Feijóo lembrou, ademais, que actualmente están en execución obras por importe de algo máis de 13 millóns de euros en Oleiros, Santiago, Lugo, Carral e Culleredo. Así mesmo, atópanse en licitación tamén centros en distintas localidades de Galicia por un importe de 10 millóns de euros.

En total, “levamos investidos máis de 55 millóns de euros para modernizar centros educativos, o que permitirá a case 15.000 alumnos contar con equipamentos ou con colexios novos ou ampliados”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar