As Cidades Patrimonio da Humanidade últiman unha guía turística conxunta

Grupo cidades patrimonio da Humanidade_2

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou esta mañá en Alcalá de Henares na Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.
Na reunión repasouse o estado dos distintos programas en marcha no marco do Plan Operativo 2015:

– Presenza en grandes feiras: Reisen de Hamburgo, Salon des Vacances de Bruxelas, ITB Berlín e World Travel Market de Sao Paulo.
– Continuidade en proxectos comúns con Turespaña: viaxes de familiarización de periodistas e turoperadores provenientes de Singapur, México e China a cidades do Grupo, xornadas e workshops.
– Presentacións de produto en mercados de orixe: Alemaña (Hamburgo), Austria (Viena) e Países Escandinavos (Oslo, Estocolmo e Copenhague).
– Produción dun novo vídeo promocional do Grupo que estará listo en xuño.
– Colaboración na promoción das 15 cidades con outras redes (Red de Ciudades AVE) e con outras entidades (Madrid Destino, Renfe e Paradores).

Xunto a estes temas, tratáronse outros como a elaboración dun novo produto, Turismo Familiar nas Cidades Patrimonio, que estará listo no verán; a edición dunha nova guía turística sobre as 15 cidades a cargo dunha prestixiosa editorial especializada en viaxes para a súa venda en librarías; e o segundo ciclo de concertos Música de Cámara nas Cidades Patrimonio, que se inaugurará o venres 13 de marzo na capela de San Ildefonso de Alcalá de Henares coa presenza da SM a Raíña dona Sofía, dos 15 alcaldes das cidades que forman o Grupo e de Paloma O’Shea, presidenta da Fundación Albéniz. Este ciclo, integrado por 15 concertos a celebrar en palacios, igrexas e catedrais e a cargo de prestixiosos grupos de cámara da Escola Superior de Música Reina Sofía, reforzará a oferta turística e cultural das cidades do Grupo esta primavera.

A reunión estivo presidida polo alcalde de Alcalá de Henares, Javier Bello, como presidente da devandita Comisión e do Grupo que reúne as 15 cidades españolas incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Ademais da concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, participaron na xuntanza representantes municipais de Alcalá de Henares, Toledo, Ávila, Cáceres, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, Segovia e Úbeda.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar