A morte do último guerrilleiro

O 10 de marzo de 1965 a Garda Civil mata en Chantada a Xosé Luís Castro Veiga, O Piloto. Cúmprense, xa que logo, 50 anos. É a morte en combate do último guerrilleiro en todo o Estado. Con ela péchase definitivamente a Guerra Civil.

A guerrilla galega sobreviviu, polo apoio popular, á decisión de abandonar a loita armada tomada polo PCE no 1948 e tamén á ofensiva do franquismo que utilizou non só a Garda Civil e a Policía, senón tamén á Lexión e aos Regulares para acabar con ela.

Tampouco a infiltración e as delacións pagadas no ano 1951 a 50 mil pesetas, chegando nos anos sesenta a ofrecer 300 mil por O Piloto, impediron que a resistencia galega durase 20 anos máis que no resto do estado español.

Non só iso, na Galiza foi onde primeiro se organizou a guerrilla. A Federación Guerrilleira de Galiza-León creouse case dous anos antes que as outras organizacións no estado e serviulles de exemplo.

E se xa non se artellou unha organización durante a Guerra foi pola negativa do Goberno Republicano a entregarlles armas e dispor de militares galegos para abrir unha fronte na retagarda franquista, pois combatentes, «escapados», había dabondo.

O motivo non foi a estratexia de combate, segundo o xeneral Enrique Lister, senón que Negrín tiña medo a que Galiza, illada do resto da península e co seu Estatuto aprobado recentemente, se declarase independente e se convertese «nun problema» como Catalunya.

A transcendencia, a resistencia no tempo e a capacidade organizativa da guerrilla galega, algo que tratan de minimizar algúns historiadores, é resaltada por persoas como o coronel da Garda Civil Francisco Aguado, que escribiu:

«Para o comunismo só hai un grande vencedor e un grande inimigo: o Xeneralísimo e Galicia é o seu país natal. Por iso a tendencia madrugadora do bandoleirismo en Galicia, cando noutras partes aínda estaban na fase de fuxidos. Esta veteranía dálle ao bandoleirismo galego unha maior dilatación en canto ao seu aspecto evolutivo e, polo tanto, maior compromiso ideolóxico aos fins propagandísticos».

O xeneral e ministro Alonso Vega recoñecía que a guerrilla «é un problema de grande transcendencia que perturba as comunicacións, quebranta a nosa autoridade e nos desautoriza no exterior».

Contrasta coas declaracións de Santiago Carrillo á xornalista Oriana Fallacia, en plena Transición: «Non creo no terrorismo nin na guerrilla. Os comunistas fixemos a guerrilla até 1949 e logo comprendemos que non servía e renunciamos. Sinto intolerancia pola loita armada e polo sangue».

Así se deforma a historia!.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar