A Amtega anuncia unha xornada divulgativa sobre a amplicación sobre o software Xeshostal

Aula Cemit Xunta_4

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 11 de marzo, unha sesión demostradora sobre Xeshostal, un software para a xestión hoteleira, desenvolvido pola Axencia de Turismo da Xunta.

Na xornada, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 18.00 horas, amosarase o funcionamento da aplicación Xeshostal, unha ferramenta deseñada para que os pequenos establecementos hoteleiros poidan xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes. Así mesmo, permite fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das súas características e obter informes de xestión e planificación semanais ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación etc.

Esta sesión está destinada a profesionais do sector turístico, principalmente os do sector hoteleiro. A demostración correrá a cargo de Antón Macías de Miguel, enxeñeiro en Informática de Sistemas cunha longa experiencia como programador tanto no sector público coma no privado.

Para participar nesta actividade só é preciso inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.

 

APLICACIÓN XESHOTAL VIRTUAL

Xeshostal (http://www.ietgalicia.com/portal/index.php?idm=157) é unha aplicación libre que permite a xestión en liña de establecementos hoteleiros. Trátase dunha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos e para compartir datos.

A aplicación foi liberada no Repositorio de Software Libre de Galicia (https://forxa.mancomun.org/) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Xeshostal está dispoñible para probas no CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual), un servizo que ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito pode coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.

As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

Este servizo iniciouse coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado, que desde a súa posta a disposición no CDTIC virtual a principios de setembro, foi solicitado por cerca de 20 empresas.

 

CENTRO DEMOSTRADOR TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar