Santiago: Hernández reivindica a Francisco Asorey como «un dos constructores da alma de Galicia»

 

Hernández_Placa Asorey_2
O alcalde de Santiago presidiu o acto de descubrimento dunha placa conmemorativa na honra de Francisco Asorey na rúa Tras de Santa Clara, onde o escultor tivera o seu obradoiro. En palabras de Agustín Hernández, con esta cerimonia, froito dunha decisión unánime da Corporación municipal, púxose «un broche de ouro á celebración dos 125 anos do nacemento do escultor cambadés de berce e compostelán de adopción», coa intención de «continuar mantendo activa a memoria desta figura clave da arte galega, a partir do día de hoxe, xusto cando celebramos o 126 aniversario do seu nacemento».
En palabras de Agustín Hernández, a placa descuberta «quere perpetuar entre a veciñanza de Santiago e, entre todos aqueles que visiten a nosa cidade, o lugar onde se idearon, naceron e adquiriron corpo definitivo moitas das máis representativas obras de Francisco Asorey, sobre todo aquelas de gran tamaño que motivaron no seu momento o traslado ata este lugar da escola-taller que mantiña en Caramoniña».

Neste lugar en Santa Clara, lembrou, «comezarían a erguerse da man de Asorey grandes estatuas que hoxe forman parte da memoria colectiva, como as dedicadas á figura do sacerdote e astrónomo Ramón Aller e do aviador Loriga en Lalín, as de Curros na Coruña, a do Padre Feijóo en Samos, a de García Barbón en Vigo ou a de San Francisco de Asís aquí en Compostela», todas elas «grandes obras que, a pesar da súa situación e monumentalidade, pasan desapercibidas para moitos cidadáns que descoñecen a autor da obra e mesmo a persoa ou o feito que rememora».

Por iso, insistiu na necesidade de difundir a vida e a obra de artistas como Asorey, ao que incluíu entre os «referentes da nosa tradición cultural máis xenuína».

 

Hernández_placa Asorey_1

«A arte de Asorey –dixo- é un exemplo para a autoestima, porque parte da tradición ata situarse entre os artistas definidores das correntes do seu tempo, cunha obra que reflicte a nosa historia e que se proxecta cara ao futuro, abrindo camiños polos que outros andarían».

«Foi, co seu cicel na pedra ou coa gubia na madeira, un dos grandes construtores da alma de Galicia, como o foi coa palabra Rosalía de Castro e outros que con el descansan no Panteón de Galegos Ilustres», afirmou o alcalde ao respecto deste «escultor de raza», definición acuñada polo profesor Figueira Valverde, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Con esta placa, concluíu Hernández, «poñemos un fito máis, nesa senda da memoria colectiva para lembrar a Francisco Asorey, gloria de Galicia, mestre de artistas e compostelán exemplar, que engrandeceu a cidade e nela permanecerá para sempre».

Ademais do alcalde, participaron no acto, entre outros, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, membros da Asociación Francisco Asorey e o fillo do artista, José Manuel Asorey.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar