Ourense será referente das industrias culturais no encontro «Ourenseiccweek»

Baltar_OurenseWeek

A provincia de Ourense converterase no punto de encontro das industrias culturais e creativas de España coa celebración do «Ourenseiccweek», un evento promovido pola Deputación de Ourense que reunirá entre os días 23 e 28 de marzo a emprendedores, empresarios e expertos do ámbito audiovisual e a público en xeral dentro da Semana das industrias culturais e creativas.

O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, festivais, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolveranse no Pazo dos Deportes «Paco Pazo» e en diferentes vilas da provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe este evento no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acompañado do asesor cultural, César Fernández, e do coordinador técnico do «Ourenseiccweek», Juan Rivas. Baltar destacou que esta iniciativa «converterá a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas sintuándoa na vangarda do audiovisual durante a semana en que terá lugar este importante evento». Ademais, o presidente do goberno provincial subliñou que «Ourenseiccweek» nace cunha visión integral de provincia pois «promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa».

«Que Ourense sexa vista como un xermolo de ideas e creatividade é o obxectivo deste encontro», afirma Manuel Baltar, quen agradeceu a César Fernández o traballo a prol desta actividade e a Juan Rivas o labor de coordinación que está a desenvolver.

Os obxectivos deste proxecto son, por unha banda, presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais; e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais.

Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.

Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do «Ourenseiccweek», que terá a Radio 3 como emisora oficial do evento.

O amplo programa de actividades que se vai desenvolver na semana do 23 ao 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:

– ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.

– ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.

– ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.

– ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.

– ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.

– ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes «Paco Paz».

Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán «A industria da música e os seus axentes», «O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual», «O mundo da vídeo-creación», «Vídeo-xogos e tendencias dixitais», «Os novos retos do audio e a produción musical» e «O futuro do cine visto polos seus protagonistas».

Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes «Paco Paz» actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.

As inscricións para participar nas diferentes actividades da «Ourenseiccweek» así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com, onde se pode consultar ademais toda a información referida ao evento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar