Auditores internacionais avalían as prestacións do 112

Axega 112_San MarcosO director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, recibiron esta mañá no CAE 112 Galicia a dous auditores da Asociación Europea de Números de Emerxencia (EENA) encargados de avaliar e comprobar ‘in situ’ a calidade da xestión das emerxencias no centro galego.

Os auditores son o italiano Uberto Delprato, de IES Solutions, e o británico Paul Hatfield, de Orbita Consultancy, que durante dous días analizarán as redes de comunicación do centro, así como a calidade do seu servizo, recursos humanos, rendemento e infraestruturas, entre outros aspectos. Ademais, visitarán o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, CIAE 112 Galicia, que abrirá as súas portas proximamente na Estrada.

A certificación de calidade para centros de atención ás emerxencias de Europa que outorga EENA ten unha vixencia de tres anos e o obxectivo fundamental de mellorar a prestación global do servizo de xestión de chamadas de emerxencia en toda a UE, ademais de medir a calidade do servizo de cara ao cidadán.

Con este programa, EENA pretende establecer un punto de referencia pan-europeo para a prestación de servizos de xestión de chamadas de emerxencia para todos os centros. O proceso seguido para conseguir ese recoñecemento parte dunha auditoría especializada e realizada por expertos en xestión de centros de emerxencias independentes e unha avaliación dos centros de atención en función de criterios de calidade.

En paralelo a esta auditoría, a Axencia Galega de Emerxencias tamén está traballando na “Certificación UNE-ISO 22320:2013 Protección e seguridade dos cidadáns. Xestión de emerxencias. Requisitos para a resposta a incidentes”, específica e dirixida a centros 112 en España. Esta certificación, xunto ao “Certificado UNE-EN ISO 9001:2008, Sistema de Xestión de Calidade” e a “Carta de Servizos do CAE 112 Galicia”, xa en poder do 112 galego, son un fiel reflexo da aposta decidida na procura e consecución duns servizos de calidade para os cidadáns; ao tempo que sitúan o CAE 112 Galicia como centro de referencia dentro de España e Europa en materia de xestión das emerxencias.

Asociación Europea de Números de Emerxencia
A Asociación Europea de Números de Emerxencia, EENA, é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1999, con sede en Bruxelas e encargada de velar polos intereses dos centros 112 de toda Europa. A súa premisa fundamental é a de servir de plataforma neutral de debate entre os servizos de emerxencias, industria e cidadáns, co obxectivo de conseguir unha eficiencia e unhas telecomunicacións harmonizadas e axustadas ás necesidades dos cidadáns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar