Homenaxe, mañá, a Otero Pedrayo en lembranza da sua derradeira lección

Ramón Otero Pedrayo_Exterior da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago_1

O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela acollerá mañá martes ás 12.00 o acto de lembranza A derradeira lección de Otero Pedrayo, na memoria do seu discurso de despedida como catedrático da USC, en marzo de 1958. Trátase dun discurso solemne que o mestre converteu na primeira lección que se deu en galego na universidade despois da Guerra Civil.

O acto contará coas intervenciósn de Juan Viaño Rey, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega e asistente á derradeira lección de Otero Pedrayo; Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega e coautor do ensaio «O autor de Solovio»; Víctor F. Freixanes, Presidente da Funcación Otero Pedrayo; e Patricia Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, coautores de Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976). Tamén estará presente Juan Monterroso Montero, Decano da Facultade de Xeografía e Historia.

 

Ramón Otero Pedrayo_Exterior da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago_2

Esta lembranza servirá tamén como carta de presentación do volume de recente publicación Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976), que recolle a totalidade da traxectoria do patriarca das Letras Galegas, do que son coautores Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín. Esta obra foi editado pola Fundación Otero Pedrayo, en colaboración coa Editorial Galaxia, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial. Trátase dunha obra divulgativa ilustrada con máis de 400 documentos gráficos, en parte boa parte inéditos ou pouco coñecidos, que contextualizan a traxectoria vital de quen se ten dado en chamar o patriarca das Letras Galegas, unha das figuras literarias e intelectuais que concita maior admiración no seo da cultura galega. As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región, ademais de achegas de particulares. Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que nolo amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre, Otero Pedrayo.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia na fundación de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago dende 1950 ata 1058. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar