Somos Nós

O PNV presentou esta semana no Congreso unha proposta de resolución instando a «recoñecer a existencia da nación vasca e catalá e a de Galiza se así o desexara».

Unha vez máis, as burguesías vasca e catalá apostan por unha negociación bilateral co Estado, como fixeron historicamente, traizoando os intereses das clases populares galegas.

Non creo que exista no Estado español un proceso rupturista coa vella política, como agoiran algúns e pretenden outros. O tan cacarexado fin do bipartidismo está deseñado para reforzar o espazo de decisión español, cun partido coma Ciudadáns, que nace fronte ao nacionalismo catalán, e un Podemos empuxado para debilitar aos nacionalismos, aínda que se manifeste como plurinacional.

O que si existe, nos grandes centros de decisión, tanto estatais como comunitarios, é un proceso para a adecuación do Estado español ás novas estruturas económico-políticas europeas, onde tanto Catalunya coma Euskadi son centralidade e Galiza periferia.

Confundir ambos procesos ou equivocarse de prioridades, foi o grande erro político, histórico, de Xosé Manuel Beiras ao rachar o nacionalismo apostando pola confluencia con forzas estatais.

Pola contra, Anxo Quintana, outro ex dirixente do BNG, realiza a lectura correcta do proceso que se aveciña, poñendo a Galiza «como prioridade».

Somos Nós, a plataforma presentada a semana pasada para «crear país», ten uns principios de nacionalismo primario que beben, directamente, no que foi a AN-PG: «Gobernemos nós a nosa Terra», «dá o mesmo quen goberne en Madrid, os intereses de Galiza quedarán relegados», «se enchemos de votos os petos das forzas estatais nunca mellorará a economía de Galiza»… Como conclusión, a necesidade de dotarnos de forzas políticas propias, pero tamén un chamamento a «todos os que sintan Galiza» para mobilizarse en clave de País ante o proceso constituínte que se aveciña no Estado.

Sorprende, xa que logo, as reticencias atopadas nunha boa parte da militancia política ante este movemento.

Enumerarei algunhas das razóns:

Sacando o nacionalismo, poucas veces se fixo política en clave de país; o infantilismo (no senso leninista) dunha parte do BNG, que abandona no seu discurso o frontismo para abrazar a palabra esquerda como tarabela, esquecendo a contradición principal (nacionalismo-españolismo) e o programa aprobado na Asemblea de Amio; e, sobre todo, o non fiarse da «operación», ante o temor de que só sexa unha plataforma cara ás eleccións xerais. Só así se explica que Somos Nós, de momento, quede circunscrito ao denominado, no seu día, quintanismo. Pouca bagaxe para unha grande empresa.

Afonso Éiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar