O petróleo como arma

Thomas Friedman, columnista do New York Times, pregúntase: «Está en marcha unha guerra mundial do petróleo, cos EEUU e Arabia Saudí, por un lado, e Rusia e Irán, polo outro?».

Aínda que esta batalla non apareza nas portadas dos xornais, nin nas TV ou nos informativos radiofónicos, todo semella que así é.

«O petróleo está facendo que América sexa máis poderosa ca nunca, tamén desde o punto de vista político», afirmou Obama. E un antigo asesor do Pentágono, Edward Luttwark, resúmeo deste xeito: «O baixo prezo do petróleo está afundindo aos nosos rivais sen que nós teñamos que facer nada». Que llo pregunten a Maduro, o presidente venezolano, que apareceu na televisión afirmando que «a América capitalista está librando unha guerra do petróleo».

En Venezuela a inflación xa supera o 60 %, a débeda está disparada, a produción de petróleo cae mes tras mes, con cada dólar que baixa o barril de cru, o país deixa de ingresar 700 millóns anuais.

Os expertos americanos afirman que se son quen de manter o prezo do barril coma na actualidade, Venezuela entrará en bancarrota. Cifran esta posibilidade nun 93 %. Non lle irá moito mellor a Rusia, afirman economistas como Paul Crugman. As reservas de divisas diminúen a toda velocidade, a fuga de capitais dobrouse, a inflación acadará o 10%… Rusia necesita o petróleo, sen el non ten futuro. O 50 % dos ingresos por exportación proceden da venda de petróleo. Pero necesitan o prezo do barril por encima dos 95 dólares e non dos 50 dólares actuais.

Os rusos teñen petróleo, pero a desculpa da guerra na Ucrania é a desculpa perfecta para que os EEUU e máis Europa os sancionen e non lles permitan acceder a tecnoloxías e equipos de perforación que faga a extracción máis rendíbel. Canto menos tecnolóxica moderna, máis caro.

Por outra parte, Irán, o grande inimigo americano e saudí, necesita o petróleo a 100 dólares para manter o seu orzamento. Baixando o prezo do petróleo, Arabia Saudí non só debilita a Irán, con que está enfrontada polo control da zona, senón tamén ao Estado Islámico. E pode aguantar estes prezos baixos, pois saca petróleo no deserto a catro ou cinco dólares barril.

Os EEUU gardaban as súas reservas petrolíferas e, por lei, tiñan prohibido exportar. Nos últimos seis anos convertéronse nunha superpotencia petroleira, poñéndose ao mesmo nivel que Arabia, o maior exportador mundial.

Cando tomou posesión Obama, só extraía 2.500 barrís diarios, hoxe son 1,1 millóns de barrís. Exceso de oferta. Hai máis petróleo circulando que o que se consume. Os prezos caeron vertixinosamente. Veremos quen aguanta máis.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar