Santiago: Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofreceron un concerto

Alumnos de corda e vento da Escola de Altos Estudos Musicais Santiago

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) pon en marcha unha nova edición de “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos gratuítos interpretados por alumnos do centro en diferentes puntos de Compostela ao longo do curso académico. Dentro desta iniciativa, esta mañá a Escola acolleu a primeira actuación do ano, cuxos protagonistas foron, por primeira vez, os alumnos de corda e vento do Curso de Especialización Instrumental (CEI). Este concerto celebrouse en colaboración co Concello de Santiago no marco do Ciclo de Novas Orquestras 2015.

Neste concerto interviron un total de 20 alumnos das especialidades de violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot e trompa. Interpretaron a Sonata a catro do compositor barroco alemán Georg Philipp Telemann, a Sonata nº 10 para dous violoncellos do francés Jean-Baptiste Barrière, o Concerto en Si menor de Vivaldi, o Quinteto nº 2 do alemán Franz Danzi e A cheminea do rei René de Darius Milhaud.

Este primeiro concerto estaba coordinado por James Dahlgren, profesor da Escola e concertino da Real Filharmonía de Galicia; xunto co vigués Roberto Baltar, na actualidade óboe solista dunha das agrupacións máis importantes de Alemaña, a Orquestra da Radio do Norte de Alemaña, e membro do Airas Ensemble, ex-alumno da EAEM.

No marco de “A Escola na Cidade 2015”, en marzo celebraranse concertos de cámara no Paraninfo da Universidade protagonizados por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola, que no mes de maio ofrecerán actuacións como solistas. A final de curso, o mestre Maximino Zumalave dirixirá aos alumnos do CEI nun concerto con marcado acento sinfónico.

“A finalidade destes concertos é cohesionar o proxecto do CEI, facendo posible que os alumnos, que reciben clases individuais, participen xuntos nunha proposta común, ampliando a súa formación instrumental cara á práctica interpretativa de conxunto e orquestral” -explica o xefe de estudos da Escola, Enrique Meyer-.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar