PSdeG plantea unha reforma do Regulamento do Parlamento

Méndez Romeu e deputada_rolda Parlamento

O Grupo do PSdeG impulsa unha reforma do Regulamento do Parlamento que reduce as vacacións parlamentarias, ao habilitar os meses de xaneiro (dende o 10) e xullo, e que aumenta as esixencias de control ao Goberno. Actualmente, os períodos de sesións teñen como meses inhábiles xaneiro, xullo e agosto.

Así, na proposta promovida establécense prazos máximos para que a Xunta dea a información que requiren os deputados e regúlase a posibilidade de que os membros do Goberno comparezan a petición da oposición sen que a maioría parlamentaria poida bloquealo.

Ademais, a modificación que propoñen os socialistas galegos incorpora a regulación dos deputados non adscritos. Deste xeito, a xeito de exemplo, Carmen Iglesias e Chelo Martínez, que se presentaron baixo as siglas de AGE, formarían parte da Cámara como deputadas non adscritas e non como membros do Grupo Mixto, o que lles proporciona máis prerrogativas parlamentarias.

Isto significa que o grupo mixto quedaría como fórmula para aquelas candidaturas que nas eleccións non lograsen o número de deputados necesarios para conformar grupo propio. Mentres, os deputados non adscritos permanecerían como membros con dereitos individuais, pero perderían, con esta reforma, as vantaxes derivadas de pertencer a un grupo.

Na exposición de motivos, o PSdeG argumenta esta modificación sobre a base de «modernizar» o texto actualmente en vigor e «superar os atrancos actuais», ao tempo que se poida «garantir ao máximo a formulación práctica dos dereitos de todos os grupos representados e das persoas que forman parte, afondar na transparencia da institución e posibilitar a participación máis efectiva e directa por parte do conxunto da cidadanía».

MÁIS ESIXENCIAS E CONTROL Á XUNTA

Os deputados teñen dereito, polo artigo 9 do Regulamento do Parlamento actual, a solicitar información ao Goberno galego sobre calquera asunto de interese público. Neste sentido, o PSdeG quere, a través desta reforma normativa, que se a Administración autonómica non ofrece a información requirida, o Parlamento poderá dar traslado deste «incumprimento» e que no prazo de 30 días o titular da consellería competente deberá comparecer no Parlamento para dar explicacións.

O PSdeG quere que unha terceira parte dos votos da Cámara sexa suficiente para crear unha comisión de investigación, mentres que agora só é posible se conta cos votos da maioría. Isto tradúcese en que, nun hemiciclo de 75 deputados como o actual, 25 votos serían suficientes, ou o que é o mesmo, os votos dos socialistas con BNG ou AGE abondarían para crear un órgano deste tipo.

Deste xeito, no que vai de lexislatura, aprobaríase comisións como a de investigación sobre a suposta fraude dos cursos de formación, sobre os que se indaga no ámbito xudicial baixo a denominación ‘Operación Zeta’; e prosperaría outra sobre Alimentos Lácteos e os fondos destinados a este proxecto.

Por outro lado, o PSdeG tamén quere aumentar o control aos deputados, de maneira que se publiquen no portal web as asistencias ás diferentes sesións ao final de cara período, ao respecto do que a Cámara poderá ordenar a detracción automática e proporcional das retribucións dos deputados e as indemnizacións correspondentes cando de «modo inxustificado se quebrante o deber» parlamentario.

Neste ámbito, os socialistas tamén propoñen que a contabilidade específica sobre as subvencións recibidas con cargo ao Parlamento sexan publicadas de forma anual e póidanse consultar no portal de transparencia da Cámara. Neste portal tamén queren que se inclúa o presuposto do Pazo do Hórreo.

MÁIS PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Grupo Socialista tamén prevé melloras para a participación cidadá. Así, propón que os cidadáns, a través de asociacións representativas dos seus intereses poidan rexistrar no Parlamento emendas ao articulado ás proposicións e proxectos de lei, salvo as materias que estean excluídas da iniciativa lexislativa popular.

Á marxe destes cambios, e entre outros que proporcionan máis axilidade á tramitación das iniciativas, o PSdeG quere cambiar certas cuestións do debate sobre o estado da autonomía, como o feito de que os grupos terán dereito de réplica polo mesmo tempo que consumise o presidente do Goberno na súa intervención.

A proposta foi presentada nun almorzo informativo para facer balance e anunciar propostas, onde o voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, explicou que esta proposición de lei se engade ás cinco xa presentadas esta lexislatura, relativas á non discriminación do colectivo LGTB (xa aprobada), ao dereito ás persoas a unha morte digna (en tramitación) e outras tres que non saíron adiante (como a reforma do plan de residuos).

REPARTICIÓN DE INICIATIVAS

O voceiro parlamentario socialista defendeu a necesidade de reformar o Regulamento do Parlamento, unha cuestión que, abundou, xa era a súa primeira opción cando se formulou a nova repartición de iniciativas coa incorporación dunha segunda deputada ao Grupo Mixto.

A redistribución de iniciativas causou malestar nos outros dous grupos da oposición –BNG e AGE–, que se mostraron especialmente críticos co PSdeG por avalar unha modificación que lles minguou varias iniciativas e, singularmente, lles quita senllas preguntas ao presidente na sesión de control.

Para Méndez Romeu, estase a facer «unha tormenta en vaso de auga» e incidiu en que as solucións que había era ir a unha repartición proporcional, a un pacto entre grupos ou á reforma do regulamento. Segundo xustificou, o PSdeG aposta por esta última opción, por iso presenta esta proposta, e xustificou que, como non había acordo entre os grupos, saíu adiante a nova repartición. «A resposta é cambiar o regulamento», aseverou.

Á marxe desta cuestión, o voceiro parlamentario socialista volveu lamentar o «incumprimento» do acordo da Mesa da Cámara sobre o uso dos coches do Parlamento, e incidiu en que o seu grupo preguntará como se emprega este recurso, despois de que os dous membros do órgano reitor recoñecesen que utilizan o vehículo oficial para acudir a sesións plenarias.

O parlamentario socialista lamentou que «ningún acordo vale para nada» co PPdeG e censurou o carácter «pouco democrático que aniña no Goberno galego» neste sentido.

A vicevoceira parlamentaria, Carmen Gallego, contestou ao respecto dos pactos co PP, sobre o que indicou que son «formacións absolutamente antagónicas» e «contrarias», tanto en Galicia coma en España.

Carmen Gallego advertiu de que os socialistas buscarán nas próximas eleccións «envorcar» o resultado e conformar unha «alternativa» de goberno, e «non pactos co PP».

ADIANTO ELECTORAL

Preguntados por se sería preciso un adianto electoral, Méndez Romeu indicou que «hai que ter certo respecto» polos gobernos e incidiu que os executivos o que teñen é «a obriga de gobernar».

Neste sentido, lamentou que o galego «incumpra todas as promesas» e que estea a «modificar a súa propia lexislación» — as leis que promoveron — , así como que «non execute o seu presuposto». Pero, non obstante, un adianto electoral sería «decisión do goberno».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar