Os informativos da TVG, a vangarda das tecnoloxías ao empregar un drone

ImaxeDrone1

A Televisión de Galicia volve unha vez máis estar á vangarda no emprego das novas tecnoloxías, co uso que está a facer estes días dun drone para captar as imaxes que está a deixar a neve en distintas localidades galegas. A vaga de frío e a complexa situación nas estradas de montaña galegas propiciou que onte, por vez primeira, os Servizos Informativos da TVG utilizaran esta nova tecnoloxía Dronepara a realización de conexións en directo.

Así, “A Revista” e os Telexornais foron os primeiros espazos informativos da canle pública galega, que empregaron este sistema de obtención de imaxes aéreas para apoiar a intervención en directo da xornalista desde a localidade pontevedresa de Dozón.

Hoxe, volvéronse realizar as súas conexións en directo desde Pedrafita do Cebreiro tamén aproveitando estas vantaxes técnicas. O drone do que dispoñen os Informativos da TVG, contratado a unha empresa galega, é un enxeño voador semellante a un helicóptero en miniatura que incorpora unha cámara HD.

A súa grande utilidade compleméntase con outra innovación incorporada con anterioridade por TVG, a Mochila 3G, que permitirá transmitir inmediatamente desde case calquera lugar, cun equipamento moi sinxelo, as imaxes recén gravadas polo drone xunto con conexións de reporteiros/as en directo. A Mochila 3G está conectada á cámara de televisión e emite pola rede móbil a través de ata 8 tarxetas telefónicas, en lugar das tradicionais e máis custosas transmisións por satélite.

Se ben agora é a primeira ocasión en que a TVG emprega o drone para coberturas informativas, xa o usara anteriormente para programas de entretemento, concretamente co espazo “Descúbreme” que amosou á audiencia numerosos tesouros galegos desde esta perspectiva aérea. Coa estrea dese programa, hai dous anos, a Galega fora unha das televisións pioneiras en empregar esta tecnoloxía en toda España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar