Máis fondos públicos para a expansión das empresas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta de mañá da Estratexia de Internacionalización 2015-2020; unha iniciativa, elaborada grazas ao diálogo cos axentes económicos, que pasa por incrementar un 25% os fondos públicos para facilitar a internacionalización das empresas. E, neste sentido, precisou un investimento de 50 millóns de euros entre 2015 e 2016 “para axudar ás empresas a exportar e internacionalizarse e acreditar así a competitividade da economía de Galicia”.

Durante a inauguración do Encontro de directivos. 100 consellos para o 2015, Feijóo garantiu o compromiso do Executivo autonómico cunha Galicia emprendedora e atractiva para facer negocios. E, nesta liña, salientou o apoio da Xunta a aquelas empresas que queiran especializarse, modernizarse e mellorar a súa competitividade, a través da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 e do Plan Industria 4.0.

Así, lembrou que a Estratexia RIS3 impulsará o crecemento de Galicia e servirá de guía para o investimento de 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020. Mentres que a Axenda de Competitividade Industria 4.0. busca crear 50.000 novos empregos, elevando o peso do sector secundario ata o 20% do PIB galego.

MELLORA DAS INFRAESTRUCTURAS

Para acadar estes obxectivos, Feijóo resaltou tamén os esforzos do Goberno galego para facilitar as infraestruturas necesarias. E, sobre este punto, lembrou a recente posta en marcha da autoestrada do mar entre Vigo e Nantes, “é dicir, entre Vigo e Europa”; e a posta en marcha en 2014 da Autovía do Cantábrico, “unha infraestrutura histórica”.

Feijóo_encontro directivos_100 consellos_2

Así mesmo, referiuse á aposta pola infraestrutura tecnolóxica, cun Plan de Banda Larga “que logrou que o 98% do territorio estea unido con internet”; e ás infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga, que contan cun investimento entre 2009 e 2016 de 1.000 millóns de euros, co obxectivo de ter saneadas en 2016 a totalidade das rías galegas.

No tocante ás infraestruturas ferroviarias, Feijóo afirmou que, ademais da meta en 2018 para conseguir que as cidades galegas estean a menos de tres horas da capital de España, este ano 2015 o Eixo Atlántico A Coruña-Santiago-Vigo entrará en servizo.

 

CARA AO CRECEMENTO SOSTIDO

Ao longo da súa intervención Feijóo subliñou que, se ben aínda queda moito treito cara a un crecemento económico sostido, os datos acreditan que saímos da recesión económica. “Os datos acreditan que saímos da recesión económica pero o importante agora é iniciar a senda de crecemento económico sostido, unha senda que nos leve a cotas de crecemento económico que nos permitan crear emprego neto”, asegurou.

Ao fío disto, salientou que mentres algúns se empeñaban en trasladar mensaxes de incerteza, Galicia traballou para establecer unhas bases estables de cara á recuperación “e, hoxe, -dixo- estamos a recoller os primeiros froitos”. “Onte mesmo recibiamos os datos do paro do pasado mes de xaneiro, onde o desemprego caeu en Galicia un 7,85% en relación con xaneiro de 2014 -a décimo quinta baixada consecutiva dos datos do desemprego-. Durante este tempo acreditamos que criamos na solvencia de Galicia e apostamos por ela, sendo a única Comunidade do réxime de financiamento común que non acudiu ao Fondo de liquidez nin ao Fondo para pago a provedores. E as exportacións de produtos galegos bateron en 2013 o seu récord histórico, e en 2014 mantivemos ese récord en volume de exportacións e saldo comercial”, explicou.Feijóo_encontro directivos_100 consellos

O presidente da Xunta avogou por seguir innovando e emprendendo, mandando unha mensaxe de confianza en Galicia, no seu tecido empresarial, na súa responsabilidade laboral e no seu interese por mellorar e superarse. “Galicia é unha terra acolledora para as iniciativas empresariais, unha economía cuxas expectativas son razoablemente optimistas e Galicia conta cunhas institucións que garanten a estabilidade”, abundou.

Feijóo concluíu reiterando o compromiso da Xunta co emprendemento: “O Goberno ten que escoitar a realidade empresarial e económica para tomar decisións no ámbito das súas competencias. Temos que ir á vez un paso por diante e un paso por detrás: un paso por diante para fornecer e favorecer a lexislación que permita a estabilidade económica e a confianza na economía de Galicia; e un paso por detrás para dar apoio a aquelas empresas que sendo viables teñen dificultades económicas puntuais”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar