A Xunta busca intensificar a presenza de Galicia en Cuba no novo escenario da illa

Cuba_centro galego La Habana

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo director de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Abel Veiga Copo, levaron a cabo contactos institucionais con diversos responsables ministeriais na súa primeira xornada da viaxe oficial a Cuba, nos que estiveron acompañados polo embaixador de España na illa, Juan Francisco Montalbán e o conselleiro económico e comercial desa legación, Guillermo Kessler.

Miranda e Veiga entrevistáronse co director para Europa do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Elio Rodríguez Perdomo, con quen analizaron as posibilidades de ampliar as actuais e frutíferas relacións entre Galicia e esa república.

Os mandatarios puxeron ao día o estado das relacións entre os gobernos galego e cubano e avanzaron na planificación de contactos ao máis alto nivel a desenvolver ao longo do ano 2015, tendo presente o novo escenario internacional. Tamén falaron do desenvolvemento de diversas actividades, como a social e cultural ‘Huella de España’, importante referente na capital cubana, e que este ano se dedica a Galicia.

Despois, reuníronse con Idermis González Riera, directora de Coordinación e Trámite da Oficina da ‘Zona Especial de Desenvolvemento Mariel’, proxecto dirixido ao impulso económico e sostible a través da atracción de investimento exterior, para coñecer en detalle as posibilidades que tal proxecto ofrece para a dinamización das empresas galegas implantadas naquela zona americana.

Veiga e Miranda interesáronse polo desenvolvemento desta área prioritaria para o goberno cubano, e actualizaron a información sobre as condicións da implantación de empresas galegas interesadas na zona, para trasladárllela co máximo nivel de detalle posible. Asemade, falaron dos proxectos concretos que a Administración cubana considera estratéxicos, para explicar esta circunstancia aos empresarios galegos que poidan estar interesados en explotalos, tendo en conta as facilidades e moi boas condicións que ofrece Cuba desde un punto de vista tributario.

 

NOVA LEI
O secretario xeral da Emigración e o director de Internacionalización do IGAPE desprazáronse despois ata o Ministerio de Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro, para entrevistarse con Raúl Becerra, director de Política Comercial para Europa deste organismo.

Con Becerra fixeron unha posta ao día das condicións para o investimento no ámbito xeral en Cuba e do acceso ou nova entrada dos empresarios galegos, tendo en conta a nova Lei de Investimento Estranxeiro aprobado polas autoridades da illa o pasado ano 2014. Analizáronse as posibilidades en ámbitos sectoriais concretos, nos que podería existir posibilidade de chegada de investimento de empresarios galegos, tales como o sector agroalimentario ou o da construción.

A Xunta desexa explorar novas canles de colaboración entre ambos países, na procura de novos folgos para a internacionalización da economía galega. Galicia, que foi pioneira na normalización de relacións con Cuba nun proceso histórico que ten continuidade e impulso polo compromiso persoal do Presidente Feijóo e o seu Goberno, posúe xa unha relevante presenza empresarial na illa.

EMPRESARIOS
De feito, Miranda e Veiga tamén mantiveron unha entrevista cos responsables da Asociación de Empresarios Españois en Cuba, que preside o galego Xulio Fontecha, para coñecer a súa perspectiva no que atinxe ás novas posibilidades de negocio que se abren en Cuba.

Cos emprendedores galegos e españois na illa pulsaron directamente a súa opinión, e o presidente da entidade puxo os medios da Asociación á plena disposición dos empresarios galegos interesados en investir en Cuba, pois a experiencia e bagaxe atesouradas por quen leva alí anos traballando supón un activo importante para a orientación dos novos investidores. Neste senso, Veiga e Miranda comprometeron unha estreita colaboración coa Asociación para que ese labor de asesoramento se realice nas mellores condicións posibles.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar