A Deputación de Ourense aproba a ordenanza fiscal de recadación

Pleno Deputación de Ouense

 

O pleno de xaneiro da Deputación de Ourense celebrado hoxe adoptou, entre outros acordos, a aprobación da ordenanza fiscal de recadación, que ten como obxectivo regular as normas de xestión, inspección e recadación dos tributos propios da Deputación e dos seus organismos dependentes así como dos tributos municipais delegados polas entidades locais da provincia de Ourense.

Os aspectos xerais da ordenanza sinalan que a tramitación de expedientes estará guiada por criterios de racionalidade e eficacia, procurando a simplificación dos trámites que deban realizar os contribuíntes, e facilitando o acceso destes á información administrativa que por lei lles corresponda. Asemade, impulsarase a aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para a tramitación de expedientes administrativos, co fin de mellorar a eficiencia das comunicacións cos concellos, outras administracións públicas e os colaboradores sociais cos cales se subscriba o pertinente convenio e cos contribuíntes.

A ordenanza contén artigos referidos ao acceso dos arquivos e documentos; o dereito á obtención de copia dos documentos que obren no expediente; información e asistencia aos contribuíntes, e sobre as normas de xestión, tributos, beneficios fiscais, prescrición e compensación e temas de inspección tributaria, entre outros.

OUTROS ACORDOS

RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS

Acordo:

Desestimar a alegación formulada por don José Manuel Figueirido Rodríguez, ao non ter por obxecto as determinacións propias do Plan de Ordenación de Recursos Humanos, e sen prexuízo de cal sexa o sentido no que se resolva a alegación formulada polo mesmo interesado respecto da Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2015.

Estimar a alegación formulada polo xefe do Servizo de Recursos Humanos, Formación e Réxime Interior no sentido de incluír no apartado de categorías profesionais para persoal laboral fixo do Plan de ordenación de recursos humanos para o exercicio 2015 as seguintes categorías profesionais: bombeiro-condutor (C2), monitor deportivo de sala de fitness (C2) e monitor de lecer no rural (C2).

Aprobar definitivamente o Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2015 da Deputación Provincial de Ourense e Ordenar a publicación do texto íntegro do Plan de ordenación de recursos humanos para o exercicio 2015 da Deputación Provincial de Ourense no BOP.

RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E DO INORDE

Acordo:

Estimar a alegación formulada polo Concello do Carballiño, modificando no Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2015 a liña de acción C.2. Fomento da cultura, engadindo un apartado XII no seu punto 5º. Plan de acción, co seguinte contido:

Achega ao Premio Antón Losada Diéguez. Prevese unha achega de 6.000 € como contribución da Deputación ao Premio Antón Losada Diéguez”.

Aprobar definitivamente o Plan estratéxico de subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2015.

Publicar integramente no BOP o dito Plan, coa modificación aprobada.

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2015

Acordo:

Aprobar inicialmente a modificación das bases de execución do orzamento xeral do exercicio de 2015.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar