O alcalde de Arzúa non repetirá como candidato do Bloque por discrepancias internas

O alcalde de Arzúa, José Luís García López, anunciou este sábado que non repetirá como candidato do BNG nas eleccións municipais do próximo mes de maio tras «discrepancias internas» no seo do seu partido.

Deste modo, o rexedor non repetirá como candidato do Bloque nos comicios municipais porque non ve «crible» liderar unha lista de consenso con posicións «contrarias» ás súas.

Estas discrepancias comezaron despois de que o anterior alcalde de Arzúa, o nacionalista Xaquín García couso, fose declarado ineligible nas municipais de 2011 pola xunta electoral. En concreto, o motivo foi a demora na execución do derrubamento dunha sexta planta no municipio — que foi levantado irregularmente cando o PP ostentaba a alcaldía — . Foi nestes comicios de 2011 nos que José Luís García López foi elixido.

Deste modo, nunha rolda de prensa celebrada este sábado, o aínda rexedor fixo fincapé, segundo recolle Radio Galega, en que a causa principal desta decisión foron os «desacordos» no seo do seu partido e non a súa imputación –aínda que si deixou entrever que tivo algo que ver –.

A este respecto, o alcalde de Arzúa e o seu antecesor no cargo, o tamén nacionalista Xaquín García couso, foron citados a declarar o pasado mes de xuño como imputados por unhas dilixencias derivadas da ‘Operación Pokémon’ en relación ao pagamento dunhas obras de asfaltado de dúas rúas.

Ambos os dous foron citados, xunto a outros seis edís membros de dúas xuntas de goberno que pagaron as obras das rúas Cubelo e Catro Ventos, pola Garda Civil de Lugo a instancia do Xulgado de Instrución Número 1, que instrúe a ‘Operación Pokémon’.
CANDIDATURA INDEPENDENTE

A pesar de non repetir como candidato do BNG nas municipais, o actual rexedor de Arzúa non descarta presentarse os comicios municipais nunha candidatura independente.

«A xente de Arzúa terá que ter os ollos moi abertos á hora de votar nas próximas eleccións, déixoo aí», resolveu José Luís García López.

Aínda que non repetirá como candidato do Bloque nas municipais, o rexedor de Arzúa confirmou que esgotará a lexislatura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar