Membros de Podemos Ferrol recorren a anulación das primarias

Algúns dos inscriptos no Círculo Podemos de Ferrol, pertencentes á candidatura de Xunt@s Podemos, presentaron recursos a título individual contra a decisión da Comisión do Consello Cidadán para os Procesos Constituíntes Territoriais de anular e invalidar as eleccións primarias celebradas nesta cidade para elixir o seu secretario local e consello cidadán.

Nunha rolda de prensa ofrecida este mediodía nunha cafetaría de Ferrol, varios destes inscriptos reclamaron aos órganos do partido en Madrid que «clarifiquen as anomalías» e digan «cuales son e quen ou os que está detrás destas supostas incidencias», declarou Maximino López.

O integrante desta corrente tamén manifestou que a resolución que coñecen a día de hoxe «non se fundamenta en ningún artigo nin en ningún regulamento existente no partido para tomar esta decisión», e considerou esta medida como «arbitraria» e de «táboa rasa».

«Por Ferrol, polos inscriptos, polos electores, polos candidatos, esiximos que se diga a verdade, con datos reais, cuales son as anomalías e onde afectan, cuales son os votos emitidos validos e os non validos, polo ben de todos», sinalou López, para pedir «transparencia» e que «cada un asuma a súa responsabilidade».

Pola súa banda, Cheto Rico criticou que dende a dirección do partido se asegure que haberá que agardar «polo menos» seis meses para volver convocar o proceso de primarias en Ferrol.

«Estamos metidos nun burato, e temos que saber quen ou quen o cavaron, temos que saber de qué burato se trata, como se cavou e todo iso para poder saír del», considerou

Neste sentido reclamou que se adopte unha solución «xa», sen agardar «nin un, nin dous, nin tres nin seis meses», xa que é necesario «clarificar canto antes o acontecido» e «a presenza inmediata de algún responsable de Podemos en Ferrol».
RECURSO

Varios dos inscriptos no Círculo Podemos Ferrol xa presentaron, vía telemática, o mesmo recurso, expirando mañá domingo o prazo dado dende a organización, de cinco días dende a data de publicación da resolución.

En concreto, indican que non se describiron as «anomalías», nin os «argumentos», polos que se decidiu declarar «fraudulentas» estas eleccións, ademais de non identificar a que candidaturas afectan as mesmas e a quen son «imputables».

Os remitentes deste recurso tamén xustifican a presentación deste en que dende os órganos de dirección «non se cualifican regulamentariamente as anomalías nin se fundamenta que artigos ou principios son vulnerados».

Ademais, piden que se faga público o número de votos emitidos «validos» e en «cuestión», os que recibiu cada candidato de ambos os dous tipos; unha descrición das anomalías detectadas; unha certificación da entidade auditora sobre cáles desas «máis de 200 inscricións» ás que se refire a resolución son anteriores ao 15 de novembro; así como as «normas vulneradas» e a identificación de «quen as incumpre».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar