TVG estrea esta noite a segunda temporada de «Luci»

Luci_TVG_Lucí

Os espectadores da Televisión de Galicia reencontraranse esta noite con “Luci” (22.00 horas), a protagonista dunha comedia de situación, con aire documental na posta en escena, que se conxuga en primeira persoa, desde o punto de vista dunha muller normal de 38 anos, unha loitadora que ten a capacidade de plantarlles cara ás dificultades da vida e de sacar o positivo das malas experiencias.

A serie producida para a TVG por Portocabo comeza a súa segunda temporada co listón ben alto, xa que non só acadou unha moi boa acollida por parte da audiencia na súa primeira entrega, senón que tamén atraeu desde o seu comezo o mercado internacional. De feito, produtoras dos Estados Unidos e Polonia compraron os dereitos para adaptala aos seus públicos, mentres outros países negocian acordos similares.

Dirixida por Jorge Coira e Toño López e con Nuncy Valcárcel como protagonista, “Luci” seguirá a ser un ficción moi pegada a realidade e a ter na proximidade ao espectador o seu argumento principal.

Despois da súa separación de Berto, Luci comeza esta nova etapa cargada de ilusión. Pero os conflitos do pasado resístense a quedar atrás e, por riba, xurdirán outros problemas que poñan esa ilusión a proba. Para empezar, a protagonista irá vivir a un novo piso co seu fillo Hadrián. O piso encántalle, pero o home que lle fai o traslado, un inmigrante cun peculiar sentido do humor, acaba convertendo a mudanza nunha odisea. Ademais, na comunidade terá que lidar con dúas irmás encantadoras que agochan un escuro segredo.

No traballo, Miguel, o xefe de Luci e Cosme, está a pasar unha depresión. Luci intenta axudalo, pero o que non imaxina é que Miguel a vai tomar como a súa psicóloga particular e non lle será nada fácil quitalo de enriba. Por se fose pouco, Luci tamén terá que enfrontarse a un paisano con vocación xardineira que se emperrencha en refacer o seu traballo.

No terreo persoal, Luci vivirá experiencias estimulantes que tiña case esquecidas. A súa mellor amiga de xuventude volverá entrar na súa vida, ben para darlle un novo aire, ben para cambialo todo. E, se xa Luci empezaba a soltarse un pouco, vai e coñece a Arturo, un home tan perfecto que ten que ter truco. E teno, pero non o que ela agardaba.

E a familia? A familia, ben, grazas. Polo menos ata que Luci descobre un segredo ben enterrado da súa nai que a deixará coa boca aberta. Tamén terá que enfrontarse aos conatos de rebeldía do seu fillo. E, para a súa desesperación, un dos modelos de Hadri será Topi, o mecánico macarra que xa puxera a proba a paciencia de Luci na primeira tempada.

Pero se alguén ten unha capacidade innata para poñer dos nervios a Luci, ese é Berto. Luci tratará de marcar distancia con el. Sobre todo cando se fai evidente que, para que Berto emprenda unha nova vida con Mon, o seguinte paso é o divorcio. Curiosamente, a idea do divorcio resultará moito máis traumática para Berto que para a propia Luci. E é que comezar unha nova etapa nunca é fácil. Pero Luci intentará demostrar que paga a pena.

PRIMEIRO CAPÍTULO

Para abrir boca, no primeiro capítulo desta segunda temporada, titulado “En horas baixas”, Miguel, o xefe de Luci e Cosme, anda deprimido, desatende o traballo e séntese un fracasado. Luci terá que facer de psicóloga e lidar cos desaxustes que os ánimos de Miguel lle provocan tanto no traballo coma na súa vida persoal.

Pero a protagonista vaise arrepentir de intentar axudar a Miguel, xa que non deixa de abordala para contarlle os seus problemas, incluíndo chamadas a altas horas da madrugada e visitas inesperadas á súa casa. Pero toda paciencia ten un límite, sobre todo cando Miguel lle acaba botando a culpa de erros que el comete no traballo.

Ao final, Luci dálle o mellor consello que se lle ocorre: que se poña en mans dun profesional. E, efectivamente, a cousa funciona, aínda que non exactamente como ela esperaba.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar