«Land Rober» regresa á TVG

image

Regresa un clásico do humor á Televisión de Galicia. Este mércores, en horario de máxima audiencia, volve o show “Land Rober” á súa cita cos telespectadores galegos despois do éxito acadado na primeira temporada, desde 2009. A presentación tivo lugar esta mañá en Santiago e a ela asistiu a directora da Televisión de Galicia Rosa Vilas, quen acompañou o cómico Roberto Vilar e a parte do seu equipo de colaboradores, como os actores Xosé Antonio Touriñán e Bea Campos, e a cantante Pili Pampín. Na nómina de colaboradores do espazo estarán tamén David Perdomo, Manolito el Pescador e Juan Fuentes.

​Como novidade, “Land Rober”, que é producido por CTV para a TVG, ofrecerá un espectáculo cun convidado estelar e con gags en que, á parte dos colaboradores do programa, terá unha importancia fundamental o público asistente. O espazo é un show de variedades e entretemento para toda a familia co ánimo principal de divertir. Tamén haberá música en directo cunha minibanda “cañeira e festiva” na que, entre outros, estarán Tonhito de Poi (Herdeiros da Crus) e Quique Otero (Crebinsky).

​Roberto Vilar dixo que volve por tres razóns. A primeira, por unha demanda do público ao que se debe e apuntou o dato de que para asistir ao plató, antes do comezo da nova andaina, xa se apuntaron mais de 2.000 persoas. Despois agradeceu a participación e xenerosidade doutro grande do humor galego, Xosé Antonio Touriñán, e destacou, sobre todo, a confianza da TVG neste produto audiovisual. Neste sentido afirmou que o público se vai sentir orgulloso e “vai poder chulear da televisión que ten”. Tamén asegurou que o seu cometido é facer “comedia a través do país, xa que un programa como Land Rober ten que levar a palabra país no ADN” e que “TVG e Land Rober camiñan xuntos”. Pola súa parte, a directora da TVG, Rosa Vilas, dixo que está moi ilusionada coa segunda edición de “Land Rober” e que se trata dun programa de “humor que abrangue a un amplo espectro de público” a partir deste mércores, arredor das 22.00 horas.

​Na presentación diante dos medios de comunicación, falaron tamén os colaboradores Xosé Antonio Touriñán, Bea Campos e Pili Pampín, que manifestaron a enerxía e ideas renovadas coas que comezan esta nova xeira de “Land Rober”, intitulado nesta ocasión como “Tunai Show”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar