«A Esmorga» chegará as comunidades galegas no exterior

Miranda_director de A Esmorga
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho a Ignacio Vilar, director da película galega “A Esmorga”, baseada no libro homónimo de Eduardo Blanco Amor, e que está a acadar un importante éxito de crítica e público en tódalas salas onde se proxecta, desde o día da súa estrea.

A Secretaría Xeral da Emigración xa ten colaborado coas comunidades galegas noutras ocasións para a difusión das producións audiovisuais galegas, de maneira que tanto a diáspora como as sociedades dos países receptores puidesen coñecer a calidade, tamén neste eido, das empresas galegas do sector.

Respondendo á petición da produtora, o departamento que dirixe Rodríguez Miranda colaborará coas comunidades galegas no resto de España, de Europa e América, para que sirvan de plataforma de expansión nacional e internacional á obra. Así, antes da estrea comercial oficial no resto de España –prevista para a primavera-, A Esmorga e Emigración traballarán conxuntamente para que director e actores podan dar a coñecer a produción nos centros e casas galegos no País Vasco, Cataluña e Comunidade de Madrid.

Preténdese despois desenvolver esta mesma liña de colaboración coas comunidades galegas fóra de España, coincidindo con celebracións importantes das mesmas. O mesmo ca noutros aspectos, desde Emigración quérese converter aos galegos e galegas residentes fóra da Comunidade Autónoma nos ‘embaixadores naturais’ da calidade e modernidade da Galicia actual, tamén no eido cinematográfico.

40 MIL ESPECTADORES

“A Esmorga”, protagonizada polos galegos Antonio Durán ’Morris’ e Miguel de Lira e o vasco Karra Elejalde, está arestora nominada aos Premios Goya na categoría de mellor guión adaptado. Entre os seus méritos, cómpre sinalar que se trata da segunda película con maior recadación media en toda España na fin de semana da estrea, ten chegado aos 40.000 espectadores, segue nas carteleiras dous meses despois do primeiro pase, e alzouse co título de mellor estrea de todo o ano en España entre os filmes con menos de 100 copias (só 18 copias).

O impacto no ámbito cinematográfico foi de feito reseñado nunha das publicacións mundiais con máis prestixio do sector, o Hollywood Reporter, que chega a sinalar que “os festivais ávidos de obras singulares e xenuinas, que lles outorguen unha verdadeira relevancia, deberían repicar por A Esmorga”. Tanto o artigo orixinal coma a súa tradución ao galego están dispoñibles na web da produción, www.aesmorgafilme.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar