Os hospitais galegos realizaron en 2014 un total de 275 transplantes

Sergas_Fernandez Campa_rolda de prensa

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou hoxe, en rolda de prensa, o balance da actividade de doazón e transplante en Galicia do ano 2014 nos hospitais do Sergas, En total, realizáronse 275 transplantes de órganos nos hospitais do Servizo Galego de Saúde. Tamén destacou a consolidación do transplante de ril de doador vivo, do que, no pasado ano, fixéronse un total de 33, e, dende 2001, a cifra xa acada os 183 transplantes neste apartado. Na presentación, o xerente estivo acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e do director da Oficina de Coordinación de Transplantes, Jacinto Sánchez.

 

Polo que respecta ao número de doadores de órganos cadáver en Galicia, situouse en 91 (43 na provincia da Coruña, 12 na de Lugo, 4 na de Ourense e 32 na de Pontevedra). Tamén destacou o xerente do Sergas que, na nosa Comunidade, á taxa de negativas familiares segue a ser alta respecto da media do Estado, situándose neste 2014 nun 27% fronte ao 15,9% do 2013 en España.

Doutra banda, Fernández-Campa sinalou que a idade media do doador foi de 64,3 anos, remarcando que o 15,4% tiñan máis de 80 anos e máis dun 71% superaban os 60 (en España o 54%). Respecto do sexo, o 67% eran homes e o 33% mulleres.

No que atinxe as causas de morte dos doadores, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares, cun 67%, seguido dos traumatismos cranio encefálicos que foron consecuencia dun accidente de tráfico. No obstante cómpre sinalar que os accidentes de tráfico supoñían no ano 2000 case que o 20% das causas de morte, fronte ao actual 6,6%.

Superada a cifra de 6.600 transplantes dende o comezo
En total, realizáronse no pasado ano 275 transplantes de órganos nos hospitais do Servizo Galego de Saúde. En concreto, 141 foron de ril -deles, 33 foron de doante vivo-, 86 de fígado, 2 de páncreas, 20 de corazón e 26 de pulmón.

  TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 2014

Transplantes de órganos 2014

O xerente do Servizo Galego de Saúde tamén destacou no acto de hoxe que, dende que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2014, xa se levan feitos en Galicia un total de 6.611 transplantes de órganos.

  TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 1981-2014
Trasplantes 1981-2014

Neste sentido, Fernández-Campa fixo un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, que “nun momento difícil teñen a valentía, a fortaleza e a xenerosidade de pensar nos demais, máis alá da súa dor, e fan posible que outras persoas e a propia sociedade obteñan un importante beneficio”. Tamén destacou o esforzo conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que “eles son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia”.

Na actualidade, o número de persoas que agardan por un transplante en Galicia é de 424; 9 por un corazón, 35 por un pulmón, 59 por un fígado, 7 por un páncreas e 314 por un ril.

 

MÁIS TARXETAS DE DOADOR
Actualmente, en Galicia 97.329 persoas teñen a tarxeta de doador. Destas, 4.508 son novas tarxetas realizadas no 2014 na Oficina de Coordinación de Transplantes.

Doutra banda, as charlas escolares durante o curso 2013-2014 para fomentar a doazón ascenderon a 113 nos 96 centros visitados de 50 concellos, e nas que participaron un total de 5.746 escolares. Ademais, a Oficina de Coordinación de Transplantes convocou para o curso escolar 2013-1014 o cuarto concurso de curtametraxes no que participaron 265 alumnos de 14 centros de 12 concellos diferentes de toda Galicia. Tamén impartíronse 7 cursos sobre o proceso de doazón e transplantes, e dous seminarios de comunicación de malas noticias no proceso da doazón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar