A Renda de Integración Social de Galicia duplica a sua contía

A orde de contratación de perceptores da RISGA nos concellos duplicará este ano o seu orzamento, ata os 10 millóns de euros, e ampliará o abano de posibles beneficiarios, ao eliminar o requisito de ter unha antigüidade de 6 meses.

Así o explicaron hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, nunha rolda de prensa na que deron os detalles desta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O ano pasado convocáronse por primeira vez estas axudas, que contaron cun orzamento de 5 millóns de euros, que permitiron contratar a máis de 600 beneficiarios en 118 concellos de Galicia.

Dado o resultados positivos do ano pasado, este ano introducíronse novidades co fin de chegar ao máximo de persoas posibles. Por iso ampliouse o orzamento e abriuse o abano de beneficiarios. Non obstante, deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e seguirán tendo preferencia aquelas persoas que estean comprometidas coa realización dun itinerario sociolaboral, así como aos que contan con cargas familiares.

Ademais, o obxectivo este ano é que a “inmensa maioría” dos contratos se realicen polo 75% da xornada laboral –a orde recolle entre un 50 e un 75%-, para que os beneficiarios disfruten da xornada máxima que recolle a orde. Todos os contratos terán unha duración de 7 meses e deberán estar vinculados á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, que serán decididos polos propios concellos

A Consellería, ao igual que o ano pasado, volverá sufragar o total dos custes salariais dos traballadores, incluída a cotización á Seguridade Social. Os concellos interesados poderán comezar a presentar as súas solicitudes a partir de mañá.

Esta convocatoria inscríbese na aposta da Consellería por traballar a prol da inclusión activa dos colectivos máis vulnerables. Por exemplo, nesta mesma liña enmárcanse outras dúas ordes de emprego que se aprobaron no Consello da Xunta a pasada semana.

Así, a orde de obradoiros de emprego para este ano prevé unha reserva do 20% das prazas totais para os preceptores da RISGA, sempre que haxa candidatos que o fagan posible. Pola súa banda, os Plans integrados de emprego disporán por primeira vez dunha tipoloxía de programa específico para os beneficiarios da RISGA. Neste caso, os custos subvencionables por participantes serán máis altos que nos ordinarios.

A aposta pola inclusión reflíctese non só nas ordes concretas, senón tamén a nivel normativo e de planificación. Así, en 2013, aprobouse unha nova Lei de inclusión Social de Galicia, un marco legal mellorado e actualizado que articula unha nova RISGA dividida en tres tramos para estimular e favorecer a inserción laboral. A inclusión activa é tamén un dos piares fundamentais na nova Estratexia de Inclusión Social, que se aprobou en decembro, e que contará con máis de 522 millóns de euros de orzamento e máis de 300 medidas concretas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar