Estamos en guerra

Ante sucesos coma os devidos en París esta semana, só queda a condena rotunda e unánime. Imprescindíbel para o corpo social e para o propio corpo. Non existen argumentos para as matanzas e menos para amparar os instintos liberticidas. Hai quen pensa, como o amigo Xavier Vizcaíno (Deia), «que a tentación contextualizadora esconde a xustificación máis infecta». Mais, para que serven as condenas e os slogans? Non é mellor tratar de entender os comportamentos como xeito de pórlles remedio? Ou, para moitos, este é o mellor dos mundos posíbeis?

«Mentres os deles sexan terroristas e os nosos soldados, non existe solución», escribiu alguén tampouco antiimperialista (verdade Ánxel Vence?) como Barreiro Rivas.

Pero a chamada «guerra das civilizacións» é unha estratexia formulada por Bernard Lewis, por encargo do CSN dos EEUU, para xustificar a «guerra contra o terrorismo». O autodenominado Occidente invoca o dogma da liberdade democrática liberal para facerlle a guerra á civilización islámica, para impoñerlles a nosa filosofía e a nosa visión do mundo. Eles tamén teñen unha filosofía, unha cultura. Pero a «nosa guerra» é, sobre todo, para defender os intereses das grandes potencias capitalistas.

Certo que non é o mesmo o noso concepto de liberdade e da democracia có seu. Aquí non se mata directamente para sacar do medio as opinións, os medios de comunicación que non nos gustan. A uniformización e o pensamento único escarrapáchanse arxutamente.

Pero o terror que nós levamos aos países islámicos é o mesmo terror que eles exportan a un Occidente en crise, tamén de valores. Se nós o facemos con tecnoloxía, con drons, con mercenarios de grandes empresas do terror, eles utilizan voluntarios, «mártires». Ás nosas accións chamámoslles ataques, ás súas terrorismo.

E nas guerras, en todas as guerras, non existen os nenos, os vellos ou as mulleres, nin a liberdade. Só existe a imposición e a vitoria.

Alguén se lembra da famosa «primavera árabe», tan gabada e apoiada polos medios e partidos occidentais? En que deu? No ladroizo, destrución e morte. Ollen, senón, cara a Libia, Exipto, Siria, Iraq, Afganistán… Escondan os centos de asasinatos que se producen todos os días. Impídanlles a entrada, democraticamente, a miles de refuxiados á deriva polo mar das tebras de auga ou de area.

Se se quixese reconstruír a convivencia entre as culturas sería preciso abandonar os apriorismos colonialistas e procurar acordos para compartir códigos éticos, relixiosos e xurídicos.

A pretendida unanimidade occidental está tamén xanzando as liberdades que din defender. Alguén se está a aproveitar aquí e agora dos «ataques árabes».

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar