Besteiro: «Nada que obxectar» á expulsión de Príncipe

Besteiro_PPP

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este mércores que non ten «nada que obxectar» á expulsión do partido do exalcalde socialista de Vigo Carlos González Príncipe decidida por Ferraz.

Preguntado ao respecto trala reunión da executiva federal do PSOE, o lucense recordou que el adoita facer «poucas valoracións sobre cuestións internas». «É a resolución dun expediente disciplinario que leva aberto moitos anos», resolveu.

Así as cousas, tras afirmar que el é «absolutamente discreto», resolveu que «tódolos militantes socialistas en España» teñen «os mesmos dereitos e os mesmos deberes».

Dito isto, Besteiro xulgou que hai outras cuestións «máis importantes», como «dar a volta á situación económica do país», máxime cando en Galicia o panorama é «dramático», ao seu xuízo.

«As pensións son a primeira fonte de entrada de ingresos das familias, por enriba dos salarios», apuntou, citando datos oficiais, sen obviar que «o 50 por cento dos parados galegos xa non percibe ningún tipo de prestación».
«UN ANO INTENSO»

Neste escenario, o tamén presidente da Deputación de Lugo avanzou «un ano intenso» no que o seu partido traballará «non só pensando no calendario electoral» senón para «solucionar os problemas da xente».

«Creo que hai outra forma de facer política, de resolver os problemas, de xestionar Galicia e España; e iso é o que imos propoñer os socialistas neste marabilloso ano 2015», finalizou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar