O PPdeG salienta que Galicia leva 14 meses descendendo no paro interanual

O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, incidiu na importancia de que Galicia leve 14 meses consecutivos rexistrando baixadas no seu paro interanual. De feito, destacou que “hoxe temos 19.145 desempregados menos que en decembro de 2013”, o que supón unha baixada de máis de sete puntos porcentuais.
O voceiro popular afirmou que este dato confirma a “mellora progresiva no comportamento do paro iniciada a finais do ano pasado”. Así, lembrou que “a porcentaxe de baixada interanual é máis de catro puntos mellor que a experimentada o ano pasado e, se nos remontamos ao ano 2012, a diferenza amplíase ata máis de 15 puntos”.

Segundo Tellado “trátase do mellor comportamento interanual nun mes de decembro en termos absolutos desde 1996 e se falamos en termos relativos desde 2006” aínda que “nin podemos baixar a guardia nin imos deixar de loitar”.

Do mesmo xeito, o popular apuntou que dende xaneiro de 2014 o paro rexistrado en Galicia descendeu en 29.159 persoas, o que converte a esta na terceira Comunidade na que máis baixou o paro en termos relativos na evolución anual.

O voceiro quixo destacar tamén que “Galicia compórtase mellor, xa que aquí a baixada interanual foi 1,67 puntos maior que na media do Estado” –baixada de 5,39 puntos na media estatal fronte aos 7,06 puntos de Galicia-.
Así mesmo, o voceiro popular apuntou que “levamos máis dun ano rexistrando descensos acumulados, polo que podemos falar de que Galicia empeza a recoller os froitos do moito sembrado nos últimos anos por un Goberno que traballa con intelixencia, perseverancia e visión estratéxica de país”.
Neste senso destacou a importancia e a incidencia directa no emprego que xa ten e seguirá tendo a aposta decidida da Xunta por impulsar os nosos sectores produtivos en xeral e, en particular, por reactivar sectores estratéxicos históricos da economía galega como son o naval e a automoción.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar