2,8 millóns de personas viron o programa conxunto de TVG e a RTP

TVG-RTP_programa conxunto

A colaboración entre as televisións públicas galega e portuguesa volveu disparar as audiencias dun programa feito en Galicia e así o «Aquí Portugal. Especial sem fronteiras», que se emitiu o sábado pasado en directo desde a dársena da Laxe, tivo unha audiencia acumulada de 2,8 millóns de persoas, que nalgún momento contactaron co programa desde Galicia ou desde Portugal. Esta iniciativa foi emitida a través das primeiras canles terrestres de ambos os dous países e pola RTP Internacional, que leva o sinal polas comunidades lusófonas de todo o mundo, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

Segundo se desprende dos datos de audimetría vixentes nos dous países, o programa acadou especial impacto en Portugal, xa que un total de 2,5 millóns de persoas contactaron coa súa emisión, sendo a quinta máis vista ese día na RTP e o número 19 en todo o abano televisivo en Portugal. O seu ‘share’ foi do 16,3% e a audiencia media foi de 494.000 persoas. Mentres, «Aquí Portugal» acadou en Galicia unha audiencia acumulada de 303.000 persoas, como resultado dun share do 8,3% e unha audiencia media de 51.000 persoas.

En total, os 2,8 millóns de espectadores acadados nesta ocasión representan aproximadamente 400.000 máis que na única experiencia anterior deste tipo de programas coproducidos polas dúas canles, que tivo lugar o pasado mes de setembro en Ourense. Na carpa instalada na Laxe rexistrouse ademais unha animada afluencia de público que seguiu a evolución do espectáculo no escenario.

Durante as máis de tres horas emitidas simultaneamente pola TVG e a RTP os presentadores Sónia Araújo, Jorge Gabriel e Hélder Reis da RTP xunto a Kiko Novoa e Arturo Fernández da TVG deron paso a actuacións musicais, entrevistas e reportaxes sobre temas vigueses como a lonxa, o Real Club Náutico, os cruceiros, o comercio, a industria do automóbil, a praia de Samil, o monte do Castro, as illas Cíes, a oferta turística, de ocio e gastronómica, o viño Rías Baixas, a camelia, o deseño de moda e as xoias arquitectónicas da cidade.

O programa pódese ver de novo no servizo de Televisión á Carta da CRTVG: www.crtvg.es/tvg/a-carta/especial-sem-fronteiras-desde-vigo

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar