O Xeneralísimo tamén gustaba do galego

A señora Claudina, ama de chaves de Francisco Franco durante 31 anos, quedoulle unha pensión de 13.000 pesetas das de comezos dos anos oitenta e unha devoción polo seu xefe que o subía á andas xunto a Xesús de Nazaret e Tareixa de Ávila. Aquel día, na súa casa de Pontedeume, díxome: «ao Xeneralísimo tamén lle gustaba moito o galego». Menos mal, pensei eu para min. Pero, agora, cisma cismando, decateime que atopara a pouca xente que sostivese que non gustaba do galego. O mesmo Franco, que escoitara o noso himno en María Pita no 1958 emocionado, só arremetera contra o galego porque interfería coa súa idea de España.

O mesmo lles pasa a algúns dirixentes do PP e do PSOE, que non aguantan a existencia doutro idioma porque entra en contradición con esa mesma idea franquista do Estado. Todos eses que falan de «non politizar o galego», a única teima que teñen contra del é política. Porque o galego, para eles, é unha distorsión dentro do unitarismo e da súa idea de «España unha,…».

Lembro que cando en A Nosa Terra sacamos a colección da Hª de Galiza para nenos, o presidente Fraga gabouma moito. Cando un día o inquirín porque a Xunta non a repartía nos colexios foi contundente: «iso sería facer nacionalistas».

O mesmo lles pasa a moitos correlixionarios seus. Teiman en que, como o galego é un signo de identidade nacional, apoiar ao galego é traballar para o nacionalismo. É máis, buligan que desaparecendo non só desaparecerá o nacionalismo, senón unha Galiza diferenciada. A ese coro únense moitos que se din galeguistas e, aínda, algúns nacionalistas, que arremeten contra aqueles que veñen defendendo o galego, porque, ao mesmo tempo, defenden unha idea de Galiza que non é a súa ou na que eles cavilan non poderán ter un papel protagonista.

O Ecequiel foi militante nacionalista durante anos. Aprobou unhas oposición e marchou. Cando o Bipartito, rachou co nacionalismo e con grande parte do seus amigos moi enfadado porque se quería vir para Galiza tiña que facer un curso de galego. O único que estaba era xustificándose por ser liberado dun sindicato amarelo para ficar en Madrid.

Coma el, hainos que poñen o galego como desculpa e falan de imposición lingüística. E tamén están os alienados e desclasados aos que o idioma, o seu idioma, o dos seus pais, os retrata. E os envexosos que pensan que outros se aproveitan do seu coñecemento e da súa práctica.

Existen moitos que están en contra do galego por diferentes razóns, aínda que non o digan en alto. Non están obrigados nin a usalo nin a defendelo, pero os gobernantes si teñen ese mandato imperativo.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar