Rajoy, nomeado embaixador do Camiño de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación do decreto polo que se concede o título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Feijóo lembrou que o Plan integral de Turismo de Galicia recolle estes nomeamentos co obxectivo de posicionar o Camiño de Santiago como referente a nivel internacional. Como engadiu o titular da Xunta, este recoñecemento outórgase “a persoas que, pola súa labor, polo seu compromiso, polo seu coñecemento e pola súa divulgación, consideramos que son claves para exportar a cultura e os valores dos Camiños xacobeos”.

Ata agora xa se tiñan distinguido con este título ao entón Príncipe de Asturias, antes de ser nomeado Rei Felipe VI, e ao adestrador da selección española de fútbol, Vicente del Bosque. Neste senso, Feijóo apuntou que hoxe se suma a eles Mariano Rajoy, “polo seu apoio constante aos camiños de Santiago e, sobre todo, por anunciar e comprometer un investimento de 17 millóns de euros por parte do Goberno central para a rehabilitación integral da Catedral de Europa: a Catedral de Santiago”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar