Abel Caballero reitera que o barco se vai instalar na rotonda de Coia

Rotoda de Coia_protesta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este venres en que o barco ‘Bernardo Alfageme’ «vaise poñer» na rotonda de Coia a pesar das protestas que protagonizan algúns veciños dende hai semanas posto que, reitera, «hai un clamor na cidade» para que o poñan.

«O barco vaise poñer, será mañá, pasado, o día seguinte, …, pero o barco vaise poñer», incidiu o mandatario vigués, que asegurou que «a cidade quere o barco, porque a cidade quere vivir nunha cidade fermosa e que move a economía a través da modernidade».

Así as cousas, en declaracións aos medios, remarcou que as protestas veñen da man duns «poucos que sempre dixeron que non a todo» e volveu acusar destas ao BNG, á CIG e a Esquerda Unida. «Lle aventuro ao Bloque e a Esquerda Unida que non van sacar nin un concelleiro como sigan por aí», manifestou.

Respecto á petición dos veciños de Coia mobilizados de que o Concello destine a inversión de colocar o barco a servizos sociais, o alcalde propuxo que sexa a CIG a que «pase» a subvención que a casa do concello lle dá, «que lle dá unha cantidade importante». Ademais, respecto a colocar o buque no Museo do Mar, afirmou que «aínda é máis caro» e insistiu en que «non cabe».

Así mesmo, preguntado sobre a decisión de valar a rotonda, sinalou que se trata dunha «cuestión de seguridade», xa que «non pode haber xente paseándose pola estrada na rotonda porque vai haber un accidente». «É risco e non o imos tolerar. A seguridade nesta cidade está por enriba duns poucos que deciden que a poñen en risco», manifestou.

Finalmente, acerca das críticas que recibiu por situar o ‘Bernardo Alfageme’ nunha rotonda, Caballero fixo un símil coas rotondas Cibeles, Neptuno, Glorieta de Bilbao e a fonte dos cabalos, espazos que se converteron en símbolos das súas cidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar