A web do Parlamento permitirá seguir as emisións en directo desde dispositivos móbiles

Parlamento de Galicia_web

A web do Parlamento de Galicia permite, desde as últimas semanas, seguir con maior facilidade desde dispositivos móbiles, como tabletas ou teléfonos intelixentes, as emisións en directo das diferentes sesións da Cámara lexislativa, como os plenos e comisións.

As modificacións introducidas na web polo Servizo de Tecnoloxías da Información ca Cámara galega permiten acceder a estes contidos desde calquera dispositivo móbil sen necesidade de descargar unha aplicación específica, como acontece noutros portais.

Estas melloras contribúen a achegar a institución ao cidadán, facilitando o aceso, desde os dispositivos móbiles, a toda a información aloxada na web da institución: emisións en directo, buscador de expedientes, publicacións oficiais (BOPG e DSPG) directorio de deputados, axenda de actividade parlamentaria, Lexisla con Nós, historia, composición da institución en cada Lexislatura, etc.

Datos recentes da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia sinalan que entre as vivendas que dispoñen de conexión a Internet en Galicia, un 82% accede a través de dispositivos móbiles, 1,2 puntos por riba do promedio estatal.

Esta mellora na funcionalidade da web súmase a outras implantadas con anterioridade, como as susbcricións RSS para recibir automaticamente, sen necesidade de visitar a web, información sobre as actualizacións publicadas.

Nunha fase posterior, a web do Parlamento de Galicia tamén mellorará a funcionalidade da súa oferta audiovisual e permitirá descargar, practicamente en tempo real, os vídeos, ou fragmentos dos mesmos, de cada sesión parlamentaria, como pleno ou comisión, pero tamén todo o material almacenado no arquivo audiovisual da institución.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar