Meteogalicia activa unha aplicación para móbiles sobre a predicción local

Mobil operando

Tamén se traballou nunha serie de melloras para acceder a datos en tempo real das estacións meteorolóxicas de calidade do aire e das boias oceanográficas
Grazas a esta aplicación pódese consultar o estado do mar e a predición para todas as praias de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia desenvolveron esta ‘app’ tamén para usuarios das plataformas Windows Phone e BlackberryOS
A web de Meteogalicia que segue a ser unha das páxinas máis visitadas en Galicia, con 55 millóns de visitas en 2014

Santiago, 25 de decembro de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de completar a activación da aplicación gratuíta Meteogalicia coa que os cidadáns poderán consultar a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia por concellos e para un horizonte de ata 10 días, a través dos seus dispositivos móbiles.

Ata o momento só os usuarios con dispositivos Android e iOS, tanto para smartphone como tablets, tiñan esta opción que agora se amplía para os usuarios de Windows Phone e BlackberryOS. Segundo os datos que rexistra a Amtega, desde que se puxo en marcha esta aplicación en agosto deste ano, efectuáronse máis de 40.000 descargas (11.287 en Apple Store e 30.088 en Google Play).

Esta nova ferramenta ao servizo dos cidadáns permite consultar información meteorolóxica desde calquera punto a través do teléfono móbil e o estado do mar, a predición para todas as praias de Galicia e das mareas.

Grazas a este servizo gratuíto tamén se poden acceder ás imaxes en tempo real do radar de Meteogalicia e do satélite Meteosat, así como visualizar vídeos das últimas horas destes dous servizos.

Outra das novidades que integra esta aplicación é o acceso en tempo real ás estacións meteorolóxicas de calidade do aire e das boias oceanográficas da Xunta, que aportan información sobre as mareas, así como aos avisos meteorolóxicos por concellos. Tamén se pode consultar un histórico dos raios rexistrados, o estado das mareas e a gráfica de evolución, así como as horas do orto e do ocaso, as fases da lúa, o estado actual e a superficie iluminada.

A aplicación Meteogalicia busca trasladar aos dispositivos móbiles toda a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia, xa que nos últimos anos un importante segmento da poboación accede a internet a través dos seus móbiles.

A previsión da Xunta é que esta aplicación sexa un referente para a consulta da información meteorolóxica, tal e como o é a páxina web de Meteogalicia (e aos seus servizos asociados), que segue a ser unha das páxinas máis visitadas en Galicia. Segundo os datos de uso e impacto que contabiliza Meteogalicia no 2014 o número de visitan situouse nos 55 millóns e supera os 51 millóns de visitas de 2013.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar