Portos de Galicia traballa en cinco itinerarios de navegación costeira vencelladas á cultura

Ruta marítima Galicia

Portos de Galicia está a traballar na definición de rutas marítimas de navegación pola costa da nosa comunidade vinculadas á cultura o patrimonio histórico e natural e a enoloxía. O ente público impulsa esta liña de actuación dentro do programa europeo NEA 3 de impulso á náutica recreativa, no que Portos de Galicia participa como socio xunto a diversas institucións internacionais.

Na recente reunión do programa NEA 3, celebrada no marco do Salón Náutico de París, que tivo lugar entre os días 6 e 14 deste mes na capital francesa, Portos de Galicia introduciu entre os obxectivos do programa, con carácter internacional, o establecemento desta fórmula de cabotaxe. En concreto preténdense instaurar 5 itinerarios de navegación costeira (cabotaxe) que permitan percorrer o litoral galego con diversas escalas en portos de valor engadido polo seu vínculo coa cultura, o patrimonio ou a gastronomía e enoloxía.

Deste xeito, Portos de Galicia está a definir unha estratexia transversal de promoción da náutica recreativa, onde funcionan como atractivos, ademais da oferta de servizos náuticos, outros aspectos remarcables da oferta turística galega. Así, as rutas de cabotaxe permitirían aos navegantes de fóra de Galicia, coñecer o patrimonio cultural da nosa comunidade, os portos vinculados ao Camiño de Santiago, os principais valores paisaxísticos da costa e as variedades enolóxicas autóctonas. Finalmente, estas rutas permitirán tamén promocionar os portos singulares da nosa cosa, de maior valor histórico ou arquitectónico, que ata o momento son menos coñecidos.

O NEA 3, continuidade do programa NEA 2 da Unión Europea no que Portos de Galicia mantivo tamén unha participación activa, define tres piares de actuación para continuar avanzando no desenvolvemento da náutica recreativa: o social, o económico e o medioambiental. Así mesmo, Portos de Galicia impulsará a través do NEA 3 a rendibilización económica da actividade náutico recreativa, a través da xeración de riqueza e postos de traballo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar