O xuíz de Angrois pon como límite aos informes técnicos o 31 de xaneiro

Angrois_flores

 

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, solicita que os peritos xudiciais acheguen os seus informes definitivos coa data «límite» do 31 de xaneiro de 2015 sobre o accidente acontecido en Angrois o 24 de xullo de 2013 no que faleceron 79 persoas e máis dun centenar resultaron feridas de diversa consideración.

Así mesmo, e en varios autos emitidos con data deste xoves día 18, rexeitou por agora practicar novas dilixencias de investigación na causa que instrúe e na que recolleu a testemuña de Luis Aláez a mediados deste ano.

No escrito xudicial, Lago Louro desestima o recurso de reforma interposto por vítimas e o maquinista, que permanece como único imputado na causa tras as desimputacions dos cargos de Adif e Renfe, e realiza o requirimento os peritos xudiciais.

Na súa argumentación xurídica, o xuíz explica que as dilixencias de investigación propostas tanto por vítimas, coma pola defensa do maquinista, «non foron desestimadas», senón que considera máis apropiado esperar a contar cos informes periciais definitivos.

«Da providencia recorrida (…) tan só se difire a decisión sobre a súa utilidade e pertinencia ao momento procesual en que dispoñamos dos informes periciais definitivos», sinala o auto de Lago Louro.

«Só entón, e á vista do contido de tales informes, estaremos en condicións de valorar axeitadamente a necesidade, utilidade e pertinencia de tales dilixencias de proba», agrega, postergando a decisión de novas probas ata pasado xaneiro do ano que vén.

«NON EXISTE INDEFENSIÓN»

A maior abundamiento, e en resposta ao recurso realizado pola defensa do maquinista, Lago Louro asegura que «non existe unha verdadeira indefensión material nin vulneración do dereito de defensa» na medida en que, engade, mentres estea aberta a fase de instrución, a posibilidade de practicar dilixencias «persiste».

Non obstante, incide en que é preciso esperar a contar coa emisión dos informes periciais definitivos para, «en vista das súas conclusións definitivas, decidir ao respecto».

En todo caso, e dado que o prazo inicialmente conferido venceu, o xuíz ditamina que, co fin de «evitar dilacións indebidas», os peritos xudiciais deben entregar os seus informes antes de que conclúa o mes de xaneiro, «momento en que as partes poderán reproducir a súa petición de práctica de dilixencias se o consideran necesario ou conveniente para os seus intereses».

SOLICITUDE DE PROBAS

O pasado mes de novembro, vítimas do accidente do tren Alvia aglutinadas na Plataforma 04155 solicitaron novas dilixencias, que atendían a altos cargos como o actual presidente de Adif, Gonzalo Ferre e o expresidente de Renfe, Julio González Pumar, probas coas que concordou o avogado do maquinista, que se sumou a elas.

Á marxe dos informes xudiciais requiridos, nos últimos días coñeceuse un novo informe independente, neste caso o elaborado polo catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castillo Ron por encarga dun dos peritos nomeados na causa que investiga o accidente de Angrois. Nel, conclúese que co sistema de control da velocidade máis seguro, o ERTMS, no punto no que se produciu o sinistro, «é probable» que «non se producise».

Entre abril e maio tamén se coñeceron outros informes. Así, o perito designado por parte da aseguradora QBE, o enxeñeiro de telecomunicacións holandés Frans Heijnen, concluíu no seu informe preeliminar entregado ao xuíz que «se o ERTMS estivese instalado e activo ata o quilómetro 88, como inicialmente estaba previsto, o accidente nunca tería lugar».

Esta conclusión foi coincidente coa do outro enxeñeiro de telecomunicacións que investigou o sinistro, César Mariñas Dávila, nomeado como perito xudicial por parte da Xunta.

O primeiro perito en achegar o seu estudio foi o nomeado a petición da defensa do maquinista, Ángel Luis Sanz Cubero, quen determinou a existencia de incongruencias entre a documentación de Adif e o libro horario e o cadro de velocidades máximas polo que se guiaba a condución do tren aquel 24 de xullo.

Pola súa banda, no informe do enxeñeiro industrial José Manuel Lamela, perito xudicial, apuntouse que o material rodante era correcto no traxecto do Alvia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar