Vázquez Abad inaugura en Ourense a exposición de Eugenio Granell

Vázquez Abad_Rosendo e outros_exposición Eugenio Granell

O conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde a exposición de Eugenio Granell ‘Diario dun soño encontrado’ que poderá visitarse ata o mes de febreiro no centro cultural Marcos Valcárcel, en Ourense. Ao acto tamén asistiron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e a xefa territorial de Educación na provincia, Mercedes Gallego.

A obra surrealista de Granell chega por primeira vez á cidade das Burgas cunha mostra formada por 52 pezas que se expoñen de xeito cronolóxico e que amosan as vertentes creativas do artista a través de óleos, debuxos, gravados, construcións, guaches e fotografías, ademais dunha selección bibliográfica e videográfica que amosa diferentes traballos de investigación sobre o seu legado.

O conselleiro Vázquez Abad salientou que esta mostra antolóxica ‘ten unha enorme importancia non só pola representatividade de Granell dentro do panorama artístico internacional, senón porque esta é a primeira vez que Ourense recibe a obra do pintor galego, imprescindible en calquera colección dedicada ao surrealismo europeo”.

O ‘Diario dun soño encontrado’ abrangue a traxectoria creativa de Granell desde 1939 ata 2001, ano do seu falecemento, “un soño –dixo o conselleiro- que é produto de encontros, algúns tan decisivos como o de Amparo Segarra, a súa dona e compañeira; oU de André Bretón en Santo Domingo; ou o de Marcel Duchamp en Nova York”. Xesús Vázquez Abad salientou tamén a evolución da súa traxectoria artística na medida en que “soubo alonxarse das pautas marcadas polo surrealismo histórico para aportarlle un novo selo dentro deste movemento artístico no que se inscribe”, e subliñou que “o propio Granell consideraba que o surrealista era precisamente aquel que sabía que tiña que ser surrealista para ser realista”.

Vázquez Abad_Rosendo e outros_exposición Eugenio Granell_2

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación animou a todos os ourensáns a achegarse a visitar esta exposición. Así mesmo aproveitou para felicitar ao director do centro Marcos Valcárcel, Paco González; e ao presidente da Deputación, José Manuel Baltar, por achegar a Ourense a “obra valiosísima”de Granell. Xesús Vázquez Abad tamén estendeu os seus parabéns ao Museo Fundación Eugenio Granell “por espallar a memoria de que leva o seu nome, e polas facilidades dispostas para programar esta mostra multidisciplinar para os amantes do Surrealismo na nosa provincia”, concluíu.

 

OURENSE, CITADE DE REFERENCIA
As obras de Eugenio Granell súmanse a outras que converten a Ourense nunha cidade de referencia de importantes eventos culturais dos que o público pode gozar nestes días.

No marco desta programación expositiva cómpre lembrar que ata o día 2 de febreiro pode visitarse a mostra ‘Os satélites. Parada Justel’ no centro municipal José Ángel Valente, sito na antiga sede do Banco de España. Trátase dunha exposición organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dependente da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na que se pon de manifesto o inmenso valor artístico da obra de Ramón Parada Justel, un membro da extraordinaria Xeración Doente da que tamén formaban parte Ovidio Murguía, Xaquín Vaamonde e Jenaro Carrero.

Tamén, ata o 18 de xaneiro mantense aberta no centro social Afundación a exposición ‘O Padre Feijoo. Cidadán libre da República Literaria’, unha mostra organizada pola Xunta de Galicia en colaboración co Consello da Cultura Galega con motivo do 250 aniversario do falecemento deste persoeiro. Este evento enmárcase dentro da programación da Consellería de Cultura e Educación para, con motivo desta efeméride, contribuír a espallar o importante legado do Padre Feijoo, un intelectual que ofreceu nos seus escritos propostas renovadoras en campos como a ciencia, a educación a lingua e a cultura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar